Así arrancaba a xornada o 8-M en Pontevedra

Pontevedra
08 de marzo 2018

Con motivo do Día Internacional da Muller que se celebra cada 8 de marzo, convocouse unha folga feminista en diferentes cidades do mundo. Baixamos ás rúas de Pontevedra para ver o impacto da folga nos postos de traballo da vila.

Folga 8M David Arana

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra cada 8 de marzo, convocouse unha folga feminista en diferentes cidades do mundo. En España, esta folga é de carácter xeral e conta co apoio dos sindicatos de traballadores.

En Pontevedra, convócana as integrantes do Colectivo Feminista de Pontevedra e CIG. CNT e a CGT secúndana durante 24 horas, mentres que CCOO e UGT, durante 2 horas. Concretamente, fan paros de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 22:00 horas.

O obxectivo da folga é lograr a igualdade entre homes e mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade. Nestas concentracións destácase a brecha salarial existente no mundo laboral, os contratos a tempo parcial, máis habituais en mulleres, e a discriminación.

Pontevedra mostra o seu apoio durante este Día da Muller. As rúas e establecementos comerciais están cheas de carteis chamando á manifestación e denunciando o machismo.

Pero na práctica, as traballadoras da cidade non poden permitirse facer folga durante a súa xornada laboral. Faltar un día ao traballo supoñería perder unha xornada completa que ninguén lles reembolsaría, din algunhas.

Mari Carmen Santos, presidenta da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Pontevedra, sinala que a maioría de mulleres que hoxe non acudiron ao seu posto de traballo no mercado fixérono por falta de xénero, a causa do mal tempo. En xeral, apoian o movemento pero, ao ser autónomas, non se poden permitir economicamente perder un día de traballo.

No campus, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cualificaba o día de "raro". O fluxo de alumnos durante a mañá era menor ao de calquera outro día, xa que algunhas profesoras secundaron a folga e non impartiron as súas clases.

Nos establecementos das rúas máis céntricas da cidade faise visible que a maioría de postos de traballo están cubertos por mulleres, especialmente no sector servizos. A pesar de non sumarse ao paro, moitas destas mulleres uníronse ás concentracións convocadas na Subdelegación do Goberno e na Praza da Peregrina para demostrar a importancia das mulleres no traballo, que é o obxectivo que perseguía a convocatoria desta folga.