Asemblea sobre o futuro do novo centro de saúde de Marín

Marín
04 de decembro 2014

O Movemento a Prol dos Bens Comúns convoca unha asemblea con asociacións, partidos e colectivos e "calquera veciño que queira participar", para tratar o futuro do novo centro de saúde de Marín. Será o sábado 13 de Decembro ás 17:00 horas na biblioteca muncipal

Unha médico pediatra atendendo a unha nena Junta de Andalucía

O Movemento a Prol dos Bens Comúns convoca unha asemblea con asociacións, partidos e colectivos e "calquera veciño que queira participar", para tratar o futuro do novo centro de saúde de Marín. Será o sábado 13 de decembro ás 17:00 horas na biblioteca muncipal.

Esta asemblea recollerá as conclusións e demandas do debate organizado o pasado 19 de novembro.

Este colectivo cidadán recorda que "a pesar dos reiterados anuncios desde diversas institucións e cargos institucionais a realidade é que as obras aínda non comezaron".

Igualmente lembran que este centro de saúde está financiado con fondos FEDER procedentes da Unión Europea, un 80%, e ten un prazo obrigado de remate en decembro de 2015. "Se non se cumpren estas condicións perderíanse os cartos", advirten.

Finalmente sinalan que "outro atranco que pode dificultar que realización deste proxecto" é a situación da empresa concesionaria, a multinacional Cofely, que está implicada na trama de corrupción da Operación Púnica. A isto hai que sumarlle a liña de alta tensión que o concello quedou en soterrar, "obra que tampouco está feita".

Por todos este motivos o Movemento a Prol dos Bens Comúns considera que "o pobo de Marín debe demandar dos distintos estamentos políticos e institucionais un compromiso real coas dotacións sanitarias no noso concello".

"O novo centro de saúde é unha necesidade urxente para dignificar a atención sanitaria en Marín", polo que esixen que as obras deben comezar canto antes, polo que fan un chamamento a participación nesta asemblea para, "entre todos e todas, decidir as actuacións necesarias".