Ascenden a 48 os pontevedreses infectados por covid tras unha viaxe de fin de curso a Mallorca

Pontevedra
26 de xuño 2021

Sanidade confirmou que o número de afectados ascende a 70 en toda Galicia, sendo a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés a que rexistra un maior número de contaxiados 

Caseta para probas de detección de covid no Hospital Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

O gromo de covid derivado dunha viaxe de fin de curso ás Illas Baleares non deixa de crecer na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Segundo confirma a Consellería de Sanidade, a Dirección Xeral de Saúde Pública leva detectados 70 casos positivos en toda Galicia relacionados con estas viaxes.

A área pontevedresa é a de maior afectación por esta circunstancia, con ata 48 contaxiados, polos 10 positivos detectados en Lugo, 8 en Vigo e 4 en Ourense.

Ademais en toda a comunidade máis de 600 persoas atópanse en corentena por ser contactos estreitos das persoas afectadas.

Segundo avanza a consellería, o Servizo Galego de Saúde continuará nos próximos días realizando probas diagnósticas entre as persoas que figuran na listaxe facilitada por Educación. Neste sentido hai que lembrar que o pasado mércores se puxo en marcha un cribado entre estudantes de bacharelato de catro centros educativos da comarca: Sánchez Cantón, Sagrado Corazón, as Xunqueiras 1 e 2 e o colexio SEK de Poio.