Ascenden a 112 os positivos por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra, 29 novos nun día

Pontevedra
21 de marzo 2020

Ese crecemento nos casos activos vese reflectido no incremento de pacientes hospitalizados, 25 en total este sábado, dos que un está na UCI. Dous dos pacientes hospitalizados están no Hospital do Salnés e o resto no Hospital Montecelo. Os 87 restantes están nos seus domicilios 

Probas rápidas para detectar o coronavirus sen saír do coche Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés pasou a barreira dos 100 positivos por coronavirus. Segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a cifra total ascende este sábado 21 de marzo a 112 casos, 29 máis que hai 24 horas. 

Ese crecemento nos casos activos tamén se ve reflectido no incremento de pacientes hospitalizados e illados para recibir o necesario tratamento. En concreto, deses 112 casos activos, 25 están hospitalizados, 24 en planta e un na UCI

Segundo as cifras oficiais facilitadas, dous dos pacientes hospitalizados están no Hospital do Salnés e o resto no Hospital Montecelo. Os demais casos confirmados un total de 87, atópanse illados nos seus domicilios. 

Entre os novos positivos da última xornada figura un axente da garda civil destinado na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, segundo puido saber este xornal. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 721, deles 195 son da área da Coruña, 54 da de Lugo, 74 da de Ourense,152 da área de Vigo, 108 da de Santiago, e 26 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 28 permanecen en UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 no domicilio. Ata o de agora, en Galicia rexistráronse 6 altas de pacientes e 12 falecementos. Os tres últimos foron o dunha muller de 68 anos e dous homes de 93 e 74 anos que estaban ingresados no CHUAC. Todos tiñan patoloxías previas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.