Ascende o número de persoas hospitalizadas por covid-19 despois das principais festas de Nadal

Pontevedra
04 de xaneiro 2022

46 pacientes covid permanecen ingresados en planta de hospitalización na área sanitaria, cinco máis que o luns. 35 atópanse no Hospital Montecelo, 6 no Hospital Quirón Salud e 5 no Salnés. Continúan 9 pacientes coa enfermidade na Unidade de Coidados Críticos, un menos que hai 24 horas. Este luns rexistrábase o falecemento dunha muller de 84 anos 

Datos covid-19 na área sanitaria este martes 4 de xaneiro de 2022 Consellería de Sanidade

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés rexistra este martes 4 de xaneiro un total de 6.695 casos activos, 206 máis que na xornada do luns. Desta cifra, 6.640 enfermos recupéranse nas súas vivendas mentres que 55 persoas atópanse ingresadas nos hospitais de Pontevedra debido á pandemia.

As persoas ingresadas, catro máis que o luns, atópanse repartidas da seguinte forma: 35 no Hospital Montecelo, 6 no Hospital  Quirón Salud e 5 no Hospital do Salnés. Ademais, 9 pacientes, un menos que o día 3, atópanse graves na unidade de Coidados Críticos de Montecelo.

Nas últimas 24 horas realizáronse 1.087 probas  diagnósticas, co resultado de 441 novos positivos. No municipio de Pontevedra, o número de casos activos é de 2.338, un máis que na xornada de onte. 

En canto á incidencia acumulada a 7 días na cidade de Pontevedra sitúase en 1.392 casos por 100.000 persoas, con tendencia de baixada; mentres que a 14 días establécese en 2.575 casos, subindo.

Nas últimas horas rexistrábase a morte dunha muller de 84 anos, con enfermidades previas, no Hospital do Salnés. Con esta morte, o número de decesos sitúase nun total de 230 persoas desde o principio da pandemia. Neste período curáronse 24.562 pacientes, 233 máis que na xornada do luns.

DATOS EN GALICIA

En Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade, o número de novos positivos é de 3.815 nas últimas 24 horas; 916 contaxios máis respecto a os do luns e 346 máis respecto ao martes da semana pasada.

O número de casos activos este día 4 ascende a 52.588 pacientes, 2.600 máis que na xornada de onte. 

A repartición por áreas sanitarias é o seguinte: Vigo: 12.202 (+353); Santiago-O Barbanza: 9.700 (+403); A Coruña-Cee: 9.587 (+522); Pontevedra-O Salnés: 6.695 (+206); Ourense: 5.948 (+527); Lugo: 5.068 (+391); e Ferrol: 3.388 (+198).

O número de persoas en planta de hospitalización redúcese a 373, once menos que o luns e o número de persoas na UCI elévase a 55, dúas máis que onte.

Nas últimas horas, Saúde Pública indicaba o falecemento de 12 persoas en Galicia diagnosticadas por coronavirus nos últimos días, unha delas tratábase dun home de 50 anos sen patoloxías previas que falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Con estas mortes, o número de vítimas desde o inicio da pandemia elévase a 2.782 en Galicia.