As zonas verdes de Pontevedra, a estudo pola universidade austríaca de Salzburgo

Pontevedra
15 de novembro 2015

Desde que Pontevedra comezou a recibir premios internacionais polo seu modelo urbano, moitos foron os que se interesaron por analizar o cambio que experimentou a cidade nos últimos anos, en materia de mobilidade, accesibilidade e recuperación dos espazos públicos. Os últimos en facelo foron os membros do departamento de Geoinformática da universidade austríaca de Salzburgo

Afeccionados ao 'running' en Pontevedra
Afeccionados ao 'running' en Pontevedra Mónica Patxot

Desde que Pontevedra comezou a recibir premios internacionais polo seu modelo urbano, moitos foron os que se interesaron por analizar o cambio que experimentou a cidade nos últimos anos, en materia de mobilidade, accesibilidade e recuperación dos espazos públicos. Os últimos en facelo foron os membros do departamento de Geoinformática da universidade austríaca de Salzburgo.

Tras ver que Pontevedra, como eles mesmos destacan, "logrou un gran éxito mellorando a calidade de vida dos seus cidadáns e o ambiente no que viven", decidiron que é unha cidade "ideal" -xunto coa propia Salzburgo e Tampere (Finlandia)- para formar parte dun proxecto de investigación que busca analizar a relación entre as zonas verdes urbanas e a calidade de vida dos seus habitantes.

O estudo, que recibiu o nome de urbanGRASS, ten como obxecto avaliar as áreas verdes existentes nestas tres cidades e reunir as opinións e necesidades dos seus usuarios, empregando para iso a tecnoloxía dispoñible na actualidade para a observación do planeta.

Así, mediante imaxes por satélite analizarán con detalle todas estas zonas verdes (parques, bosques, árbores, prados, céspedes ou áreas de vexetación fluvial, entre outras), así como outros ámbitos recreativos ao aire libre como campos deportivos, paseos fluviais, praias e bolsas de auga como ríos e lagos. Con todos eses datos que se vaian reunindo, teñen previsto crear un 'índice verde urbano'.

No caso de Pontevedra, interésalles especialmente a súa proximidade ao mar e a súa estrutura urbana centrada nas persoas

Ademais, realizaranse numerosas entrevistas sobre o terreo para integrar neste índice a percepción que os cidadáns teñen destas zonas verdes, de forma que se poida identificar os aspectos que máis valoran ou sinalando cales destas áreas son máis importantes para eles.

Xunto con Salzburgo, os investigadores buscaban outras localidades europeas de tamaño similar, pero con diferentes características -non só polas súas propias zonas verdes senón tamén pola percepción que os cidadáns teñen sobre elas-. No caso de Pontevedra, interésalles especialmente a súa proximidade ao mar e a súa estrutura urbana diferente, despois do avanzado nos últimos anos como cidade centrada nas persoas.

Este proxecto científico foi presentado xa ante a Austrian Research Promotion Agency, un organismo gobernamental que financia este tipo de investigacións relacionadas coa industria e o desenvolvemento urbano.

A participación neste estudo, que aínda non foi aprobado, non supoñería custo económico algún para Pontevedra, pero a cambio desta colaboración coa universidade austríaca o goberno municipal tería acceso a todos os resultados que se recollan, que poderán ser usados en futuras actuacións urbanas ou na toma de decisións sobre os aspectos que protagonizarán este estudo internacional.