As Xornadas de Loita contra a Impunidade abordarán como a corrupción franquista pervive na actualidade

Pontevedra
11 de novembro 2021

Por terceiro ano consecutivo, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra celebrará as Xornadas de Loita contra Impunidade, centradas nesta edición na ‘Corrupción Franquista: métodos e consecuencias na actualidade'. Serán os vindeiros 26 e 27 de novembro no Pazo Provincial

María Ortega e Montse Fajardo presentan as Xornadas de Loita contra Impunidade Deputación de Pontevedra

Por terceiro ano consecutivo, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra celebrará as Xornadas de Loita contra Impunidade, centradas nesta edición na ‘Corrupción Franquista: métodos e consecuencias na actualidade'. Serán os vindeiros 26 e 27 de novembro no Pazo Provincial e precisarase inscrición para participar a través do formulario dispoñible na web depo.gal.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega e a técnica provincial de Memoria Montse Fajardo presentaban este xoves o programa, no que se pretende, segundo palabras da responsable nacionalista, poñer sobre a mesa "sen censura" que as empresas que financiaron a ditadura xenocida "fixéronse de ouro" mentres había persoas asasinadas, torturadas e encarceradas, e outras sufrían unha importante represión económica que condicionou a súa vida debido a multas, espolio de bens e incautacións sen garantía legal.

"Moitos fixéronse ricos a costa de deixarnos sen o mellor daquela xeración", declaraba á vez que lamentaba que, cando se cumpren 85 anos dende o golpe de Estado, as familias seguen sen ter tutela xudicial do Estado español e vense na obriga de recorrer á xustiza arxentina.

Así mesmo, salientaba o compromiso da Deputación de Pontevedra, á que cualificaba de "excepción na loita contra as institucións franquistas", das que na actualidade aínda queda un pouso nas esferas do poder económico e político.

Nas xornadas, segundo apuntou a deputada, quedará reflectido que esa ‘corruptela’ non rematou no 75 coa morte do ditador, nin no 78 coa aprobación da Constitución, senón que as persoas herdeiras daquel tempo, das empresas e dos cargos, como o caso da Xefatura do Estado, por exemplo, levan máis de 40 anos enriquecéndose con total impunidade "baixo a cegueira premeditada" de certas institucións e quen as ocupa e que volven "feble á nosa democracia".

A técnica Montse Fajardo abondou nas importantes figuras que inclúe o programa deste ano para "acabar cunha das mentiras que propagou o réxime e que non desbaratou de todo a democracia, que é que o franquista era un réxime austero, cando está demostradísimo que non era austero senón corrupto".

PROGRAMACIÓN VENRES 26

Ábrese a xornada o venres 26 de novembro ás 16:00 cunha breve presentación que dará pé aos relatorios.

Para analizar as empresas que se lucraron e fixeron cartos co apoio á ditadura estará en Pontevedra o xornalista Antonio Maestre, de Eldiario.es e La Marea, e autor de ‘Franquismo SA’, que falará na súa charla de ‘O capital e a represión’, dando especial atención ao acontecido en Galiza.

Posteriormente o historiador Xosé Álvarez Castro dará unha visión máis local e polo miúdo sobre a represión das persoas que colaboraban co réxime en cada localidade, como gardas cívicos ou xefes da Falanxe, que extorsionaban ás vítimas a través de espolios ou requisas sen control "das que aquí en Pontevedra saben moito familias como Gama ou Moldes", lembraba Fajardo.

Como terceiro relatorio do día, falarase do espolio cultural, da identidade e do relato e de como co Franquismo se perderon a Pontevedra e Galiza de Bóveda e Castelao e acabouse metendo a ‘Galiza no No-Do’, título da intervención da profesora de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Busto.

Rematarase a xornada do venres coa proxección do documental ‘Billy’, de Max Lemcke, coa participación de Miguel Ángel Gómez ‘Gus’, vítima de Billy el Niño, achegando ao público a corrupción doutras institucións como a Policía, que permaneceu na democracia incluso con loas aos torturadores. Este documental será o aceno que se fai todos os anos á figura de Chato Galante, ideólogo das Xornadas, e que faleceu o pasado ano.

PROGRAMACIÓN SÁBADO 27

Na xornada do sábado, durante a mañá, falarase de como afectou a corrupción á actual democracia e como algúns métodos seguiron arraigados nalgunhas institucións como a Xefatura do Estado. Estará en Pontevedra Rebeca Quintáns, autora do libro ‘Un rey golpe a golpe’ publicado no 2000 baixo pseudónimo e reeditado co título ‘Juan Carlos I, la biografía sin silencios’, a obra máis importante para coñecer a corrupción borbónica.

Outro dos puntos fortes será a análise da relación entre a Igrexa e a ditadura franquista cunha das persoas que máis a coñece, o profesor da Universidade de Vigo Xosé Ramón Rodríguez Lago.

 A última charla correrá a cargo da profesora de Historia Contemporánea da USC Araceli Freire, membro de Histagra, que falará de como o pobo galego resistiu e se impuxo na ditadura cando esta se intentaba apropiar do ben común. Aquí farase mención especial ás mulleres que loitaban contra a ditadura cando esta intentaba facerse con zonas de monte común para "autopistas, pasteiras ou outras empresas que se fixeron ricas e que seguen agora ocupando espazos públicos", apuntaba Montse Fajardo.

Posteriormente celebrarase unha mesa redonda baixo o título ‘Cando a herdanza é a memoria’, que xuntará a descendentes de vítimas e hoxe baluartes da memoria e da loita contra a impunidade: Carlos Babío, autor da peza sobre Meirás; Susana Sánchez Aríns, autora de ‘Seique’ e que falará de como o irmán da súa avoa, xefe local da Falanxe, tamén se apropiou de terras da súa familia aproveitando os seus galóns; e Paqui Maqueda, presidenta dun colectivo memorialista andaluz integrante da plataforma que está a reivindicar unha edificación que aínda hoxe é da familia Queipo de Llano en Sevilla "doada" como Meirás, e sobre a que está aberto un proceso xudicial como o feito na Coruña.

Como remate das  Xornadas realizarase na tarde do sábado unha visita ao Mosteiro de Oia e á Volta dos Nove en Baiona, para coñecer a realidade do campo de concentración que alí houbo e o lugar onde foron asasinados varios sindicalistas da zona do Val Miñor coa guía de Xosé Lois Vilar, membro do Instituto de Estudos Miñoráns.

Cada relatorio será introducido por xornalistas ou integrantes de colectivos implicados en estudos pola recuperación da Memoria Histórica. Deste xeito, as diferentes conferencias contarán coa presentación de: María Núñez, directora de comunicación da Vicepresidencia da Deputación; María Lores, directiva da Asociación Cultural Amarinda; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; Montse Fajardo, técnica de Memoria Histórica da Deputación; Alberte Mera, xornalista de Nós Diario e director do documental 'Reboiras, acción e corazón' Susana Regueira , xornalista do Faro de Vigo; Andrea Ferrer, integrante da Mocidade Galega pola Memoria; e Natalia Puga, xornalista de PontevedraViva, que será a encargada de moderar a mesa redonda do sábado á mañá.