Ás voltas coa feira: propoñen situala na rúa Serra e "darlle vida á zona do mercado"

Pontevedra
12 de marzo 2023

Espazo Común propón instalala ao longo da rúa Serra e da praza Mugartegui, "ao estilo da feira de 'antigüidades' que se celebra os domingos". Considera que o chan da Alameda non é o axeitado, pois converteríase en "polvo no verán e un bulleiral no inverno" e aposta por levala ao centro da cidade, como noutras cidades

María Rey, no mercado de Pontevedra Espazo Común

Novo capítulo na polémica xurdida nas últimas semanas en relación coa procura dunha nova localización para a feira que se celebra os sábados no recinto feiral de Pontevedra. No medio da discrepancia de pareceres entre os dous integrantes do Goberno local (PSOE e BNG), un novo partido irrompeu en escena, Espazo Común, que pon sobre a mesa un novo lugar: a rúa Serra. 

O partido fundado polo ex líder do PSOE galego Pachi Vázquez, que se presentará ás próximas eleccións municipais en Pontevedra cunha candidatura encabezada pola ex concelleira de Cidadáns María Rey, non apoia a localización na Alameda que propón a edil responsable de mercados, Yoya Branco, senón que realiza unha proposta alternativa.

Esta proposta da rúa Serra busca dinamizar a feira e tamén "darlle vida á zona do mercado", pois considera que a praza pontevedresa "morre, nada do moito investido consegue frear a súa agonía".

Dado que "a rúa Serra e a praza de Mugártegui tamén agonizan", con esta proposta pretenden dinamizar a zona.

Así, apostan por instalala ao longo da rúa Serra e da praza Mugartegui, "ao estilo da feira de 'antigüidades' que se celebra os domingos".

Con esta medida, ademais, "manteríanse as mesmas posibilidades de aparcadoiro que na localización actual e o parking do Mercado", dinamízase o mercado de abastos, dinamízase a zona vella, o solo é o axeitado, hai espazo dabondo para todos os postos, en agosto poderían manter a localización sen necesidade de cambiar coa chegada da festa da Peregrina e "xa de paso, devolvémoslle a vida a unha zona de Pontevedra que vai morrendo do mesmo xeito que moitas outras". 

María Rey sinala que "mentres os dous partidos de goberno se encerellan para decidir o futuro dos vendedores ambulantes de Pontevedra", a mellor decisión é "nin para uns nin para outros".

Espazo Común considera que o chan da Alameda non é o axeitado para instalar esta actividade, pois se convertería en "polvo no verán e un bulleiral no inverno".

Tamén cre que si é necesario o traslado da súa localización actual, pois hai moitas cidades que albergan os mercadillos no centro "cun resultado económico moi  beneficioso, deses resultados que se notan nos petos, non dos que dan números ao azar para un titular de prensa". "Se desde Madrid a Marín as cidades celebran a feira nas cidades, será por algo", engaden.