As vivendas turísticas das Rías Baixas tamén triunfaron durante os Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
06 de maio 2019

Aviturga, asociación que acolle os propietarios deste tipo de aloxamento, confirma unha ocupación do 100% durante o evento deportivo con estancias mínimas de cinco noites e máximas de oito

Turistas nas terrazas Mónica Patxot

As vivendas turísticas de Pontevedra cidade e dos municipios próximos lograron unha ocupación do 100% durante a celebración dos Mundiais de Tríatlon que se celebraron na cidade do Lérez.

Segundo a asociación Aviturga, que acolle os propietarios deste tipo de aloxamento, o campionato deportivo permitiu que se alongaran os bos datos de ocupación recollidos durante a Semana Santa nas Rías Baixas.

A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia destaca a presenza entre os clientes de deportistas procedentes de países como Estados Unidos, Canadá, Portugal, Costa Rica ou o Reino Unido. As instancias mínimas contratadas eran de cinco noites mentres que as máximas se situaban en oito noites.

O ITU Multisport, segundo a mesma fonte, permitiu que estes resultados se espallaran a outros municipios como Vilaboa, Poio, Marín ou Sanxenxo, entre outros. Afirman, ademais, que se trataba dun tipo de visitantes de alto nivel adquisitivo, que activou o comercio local, ademais de ocupar os establecementos de gastronomía local.

Aviturga incide tamén no alto grao de satisfacción que tanto Pontevedra como as Rías Baixas xerou entre os hóspedes que se aloxaron durante estes días. Encontraron facilidades para a realización de roteiros en bicicleta coa posibilidade de coñecer diferentes recursos turísticos da contorna durante a celebración do evento deportivo máis importante organizado nestes últimos anos en Galicia, segundo indican desde a asociación.