As vivendas turísticas das Rías Baixas pechan un mes de agosto "excelente"

Pontevedra
02 de setembro 2018

Destinos da provincia de Pontevedra como Sanxenxo, Cambados, Poio ou Pontevedra chegaron ao cheo absoluto

Praia da Panadeira, en Sanxenxo Mónica Patxot

A Asociación de Propietarios de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) valorou como "excelente" os datos de ocupación do mes de agosto das vivendas destinadas a aloxamento vacacional.

Segundo Aviturga, o dato de ocupación de agosto foi moi superior á do mes de xullo cumpríndose coas expectativas de comezos de ano coa anticipación de reservas para a tempada estival. Así, durante a primeira quincena de agosto chegouse ao 100% na maior parte da xeografía galega, rexeitando multitude de reservas de última hora por falta de prazas de aloxamento.

Destinos da provincia de Pontevedra como Sanxenxo, Cambados, Poio, Pontevedra, Vigo, Silleda chegaron ao cheo absoluto.

Noutras localidades como Baiona, Cangas, Vilagarcía de Arousa, A Guarda ou Illa de Arousa superaron ou 90 %. E en municipios como Marín, Meaño, Nigrán, Caldas de Reis, Porriño e Vilaboa superaron o 85 %.

O lugar de procedencia das persoas que optaron por unha vivenda vacacional foi maioritariamente do territorio nacional, abrigo das comunidades de Madrid, Asturias, Castela León, País Vasco e Cataluña.

En canto ao turismo internacional destaca o visitante procedente de Portugal, seguido de Reino Unido, Francia, Italia e Estados Unidos.

Aviturga sinala que este agosto aumentou o turismo por curtas estancias, solicitando fins de semana e estancias de dúas e tres días.

Esta asociación informou que non houbo ningún tipo de incidencia nas súas vivendas, "todo o contrario os nosos usuarios seguen valorando de forma positiva este tipo de aloxamento".

O perfil do usuario das vivendas particulares é, sobre todo, de familias, de ata catro membros e procedentes sobre todo do territorio nacional cunha estancia media de 7-10 días.

A pesar de que o mes de xullo "a climatoloxía non nos axudou" e a ocupación foi lixeiramente inferior á do ano anterior desde Aviturga, "podemos cualificar a tempada estival de excepcional, e as previsións de aloxamento para o setembro tamén son moi positivas".