As vivendas turísticas buscan o apoio do Concello ante a presión do "lobby" hoteleiro

Pontevedra
26 de decembro 2017

As plataformas como Airbnb ou Homeaway fixeron emerxer un fenómeno co que levamos convivindo durante anos: os alugueres vacacionais. Trátase de propietarios de vivendas particulares que as alugan aos turistas durante un tempo limitado. E sobre eles puxo os seus ollos o sector hostaleiro que as ven como unha competencia desleal

Turistas en Pontevedra PontevedraViva

As plataformas como Airbnb ou Homeaway fixeron emerxer un fenómeno co que levamos convivindo durante anos: os alugueres vacacionais. Trátase de propietarios de vivendas particulares que as alugan aos turistas durante un tempo limitado. E sobre eles puxo os seus ollos o sector hostaleiro que as ven como unha competencia desleal.

A presión deste "lobby" hoteleiro é o motivo polo cal a Xunta, segundo a asociación Aviturga -que reúne a propietarios destas vivendas turísticas-, decidiu regular este sector sen contar con eles. Así o destacou a súa presidenta, Dulcinea Aguín, tras a entrevista que mantivo coa concelleira de Turismo, Anabel Gulías.

O sector, denunciou Aguín, presionou ao goberno galego dunha forma "brutal" para que esixa a estas vivendas uns requisitos "de moi difícil cumprimento" para poder dar servizo aos turistas que visitan Galicia durante as súas vacacións.

Con este decreto, que está en fase de borrador, os hostaleiros galegos buscan "eliminar a competencia" e non potenciar o turismo en Galicia. Ante este panorama, a asociación Aviturga pediu a ambas as partes que "reflexionen" sobre por que cada ano aumentan os alugueres destas vivendas e descenden as estancias en hoteis.

Neste sentido, Dulcinea Aguín instou á Xunta a paralizar a redacción da nova regulación e comezar "desde cero" contando cos propietarios de vivendas turísticas que, segundo lembrou, a pesar de ser particulares "pagamos impostos" e contribúen a mellorar a imaxe de Galicia como destino turístico de calidade.

Así, desde Aviturga lembra que nunha cidade como Pontevedra, onde hai "escasas" prazas hostaleiras para a crecente demanda que existe, "se o Concello quere promocionarse debe poder contar coas nosas vivendas", algo que hoxe en día non é posible porque "non existe" ningún rexistro das que están dispoñibles.

Ademais, reclaman que non se limiten as súas estancias "a non máis de trinta días", xa que lembran que o verán dura case tres meses e que Galicia, e máis concretamente as Rías Baixas, están a facer "importantes" esforzos por desestacionalizar o turismo.

A prohibición de aluguer destas vivendas tería un impacto económico "moi negativo" para todo o municipio, algo no que está de acordo o goberno municipal, xa que segundo Aguín os donos destes apartamentos "actuamos tamén como guías turísticos" recomendando aos seus inquilinos restaurantes, negocios ou lugares de interese.