As vivendas de uso turístico colgaron o cartel de 'completo' durante a primeira quincena de agosto

Pontevedra
21 de agosto 2020

Varios municipios da provincia de Pontevedra rexistraron as mellores porcentaxes de ocupación durante a primeira quincena de agosto, á vez que Galicia consolida a súa imaxe de destino seguro e non masificado, segundo a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA)

Vivenda de aluguer turístico Aviturga

Varios municipios da provincia de Pontevedra rexistraron as mellores porcentaxes de ocupación durante a primeira quincena de agosto, á vez que Galicia consolida a súa imaxe de destino seguro e non masificado, segundo a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA).

O primeiros quince días do mes de agosto deixaron un balance de ocupación nas vivendas de uso turístico "excepcional, con porcentaxes similares aos do pasado verán". Aloxamentos situados en Sanxenxo, Cambados, Poio, Nigrán, O Grove, Silleda, A Estrada ou Campo Lameiro colgaron o cartel de 'completo', non podendo atender reservas de última hora por carecer de prazas.

Segundo datos ofrecidos por AVITURGA, Baiona, Cangas, Vilagarcía de Arousa, A Guarda ou Illa de Arousa superaron o 90%; mentres que destinos como Marín, Meaño, Nigrán, Caldas de Reis, Porriño e Vilaboa alcanzaron o 89%.

Menor ocupación rexistraron as cidades como Pontevedra e Vigo, que a pesar de superar o 84 %de ocupación manteñen a tendencia detectada en xullo de ser as cidades máis poboadas as que rexistran o maior impacto do Covid-19.

O líder da quincena con máis ocupación de vivendas de uso turístico foi Sanxenxo, entre outras razóns por ser o municipio que concentra o maior número de aloxamentos desta modalidade. Pola súa banda, en canto á tipoloxía de vivenda máis demandada a tendencia é idéntica á de xullo, logrando un maior índice de reservas aquelas que poñen ao dispor dos seus hóspedes a intimidade dun pequeno xardín, unha piscina e outras prestacións de lecer sen necesidade de saír da propiedade.

Neste sentido, a presidenta de AVITURGA, Dulcinea Aguín, resalta que "a estancia media dos viaxeiros en destinos turísticos tradicionais nesta primeira quincena de agosto foi de 7 días mentres que as vivendas illadas prolongouse ata os 10 días". Este verán atípico tamén se caracterizou polas curtas estancias de fins de semana como forma de poder desconectar e descansar despois destes meses duros de confinamento.

En canto á procedencia do hóspede de vivenda de uso turístico durante esta primeira quincena do mes de agosto foron Madrid, Asturias, País Vasco, Castela León e Cataluña as comunidades desde as que chegaron a maioría, xunto a un importante movemento interprovincial en Galicia. En boa parte dos casos tratouse da primeira viaxe á nosa Comunidade, á que acudiron atraídos por unha imaxe de escasa masificación, de seguridade e de diversidade turística.

A diferenza do mes de xullo, as reservas rexistráronse con maior antelación pero tamén de última hora. Algo coincidente co pasado verán e co mes de xullo é o perfil do usuario das vivendas para aloxamento vacacional. Trátase de familias integradas por entre 2 e 4 membros e procedentes sobre todo do territorio nacional. Persoas que buscan un descanso baseado na tranquilidade e que valoran especialmente o prezo, a comodidade e este ano en concreto, non compartir zonas comúns con outros usuarios.