Non haberá máis clases universitarias presenciais no presente curso 19/20. Así o pactaron os reitores das tres universidades galegas e así se consesuou coa Consellería de Educación nunha reunión celebrada este luns de maneira telemática.
Esta decisión tómase tras confirmar o Goberno a prolongación do estado de alarma pola crise sanitaria ata o 26 de abril, tendo en conta que aínda podería alongarse máis no tempo.
A formación universitaria si continuará, pero farao de maneira virtual mantendo o calendario académico preestablecido.
No encontro a conselleira de Educación, Carmen Pomar, confirmou ademais as datas da convocatoria extraordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), que se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro tras solicitar a ampliación de datas.
Fíxase así a segunda convocatoria dunha Selectividade que, se o coronavirus o permite, terá as súas datas iniciais do 7 ao 9 de xullo.
Ademais da conselleira Carmen Pomar, do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e do director da ACSUG, Eduardo López, participaron na reunión telemática os reitores Manuel Reigosa (Vigo), Antonio López (Santiago) e Julio Abalde (A Coruña).