As traballadoras do sector da alimentación, protagonistas do 8M en Marín

Marín
03 de marzo 2021

Viñetas do ilustrador Luís Davila na que pon en valor o labor destas traballadores serán repartidas por todos os establecementos da vila, que celebrará o Día da Muller sen manifestacións multitudinarias pola situación sanitaria pero coa publicación de dous vídeos reivindicativos nas súas redes sociais

Viñeta de Luis Davila para conmemorar o Día da Muller no Concello de Marín Concello de Marín

A conmemoración do 8 de marzo en Marín servirá para "reivindicar a loita histórica da muller por conseguir a igualdade plena e real, mellores condicións laborais, a erradicación da violencia de xénero, a defensa dos seus dereitos e a xustiza social", tal e como se pode ler no inicio da declaración institucional preparada para os actos deste día.

Debido á situación sanitaria, os actos que normalmente presidían este día non poderán realizarse como sempre e por iso o Concello prepara dous vídeos que se promocionarán o mesmo día 8 nas redes sociais municipais, no que serán protagonistas mulleres traballadoras do sector da alimentación, tradicionalmente feminizado e ao que se lle dedica este día na vila.

O que si ten este 8M, igual que todos os anteriores, é a tradicional viñeta do ilustrador Luís Davila, que esta vez emprazou a escena nun supermercado, onde conversan unha clienta e unha traballadora.

A viñeta lucirá nos distintos establecementos da vila grazas a uns vinilos que se repartirán nos próximos días.