As tormentas causan avarías no alumeado público de Poio

Poio
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Saltaron os diferenciais de varios cadros eléctricos do alumeado público que afectaron a varias zonas, nalgúns casos provocada pola alta sensibilidade das luminarias led á humidade e tormentas que provoca que salten os limitadores, pero os principais danos producíronse en cadros eléctricos de Samieira

Cadro eléctrico avariado en Área da Barca, en Samieira Concello de Poio

O Concello de Poio responsabiliza á borrasca Nelson das numerosas incidencias que provocaron fallos importantes e apagóns dos farois no alumeado público.

Segundo explica o Concello, saltaron os diferenciais de varios cadros eléctricos do alumeado público que afectaron a varias zonas, "nalgúns casos provocada pola alta sensibilidade das luminarias led á humidade e tormentas que provoca que salten os limitadores", pero os principais danos producíronse en cadros eléctricos de Samieira.

Concretamente, houbo problemas nos cadros da Estrada Teinogueira, Monte Covelo e Área da Barca. Cada un deles dá servizo a múltiples camiños, polo que provocaron apagóns nos farois de todos eles.

O cadro de Área da Barca sufriu unha avaría a causa da caída dun raio, que danou varios elementos do propio cadro eléctrico, entre eles o interruptor xeral, e aproximadamente trinta puntos de luz que é preciso substituír. Uns danos cuantiosos á rede eléctrica do concello para os que os electricistas municipais xa están traballando para solucionalo o antes posible. 

No caso dos farois que é preciso substituír, este martes xa deixaron algúns en funcionamento, para asegurar iluminación nos diferentes lugares, pero ata os próximos días non quedarán completamente resoltas todas as incidencias.

O grupo municipal do BNG de Poio referiuse tamén a este "apagón xeneralizado" rexistrado en diferentes zonas do municipio. O BNG expresou a súa "sorpresa" co feito de que o goberno municipal aluda á instalación de luces led executadas polo anterior executivo local "un argumento impropio de quen xestiona un municipio de máis de 17.000 habitantes, que mostra a falta de descoñecemento do equipo de Angel Moldes". 

O Bloque sinala que as averías tamén afectaron a zonas que non teñen a instalación LED, e destaca que esta tecnoloxía "supón unha mellora importante dos servizos así como un aforro enerxético para as arcas municipais considerable".