As sendas de acceso aos centros educativos de Campolongo estarán listas para o inicio do curso

Pontevedra
02 de setembro 2021

O tenente de alcalde, Tino Fernández, achegouse este xoves até Campolongo para supervisar a marcha dos traballos que permitirán mellorar as condicións de tránsito no Paseo de Valle-Inclán e a accesibilidade aos centros escolares e equipamentos públicos do parque

Tino Fernández supervisa a nova senda no Paseo de Valle-Inclán Concello de Pontevedra

O tenente de alcalde, Tino Fernández, achegouse este xoves ata Campolongo para supervisar a marcha dos traballos que permitirán mellorar as condicións de tránsito no Paseo de Valle-Inclán e a accesibilidade aos centros escolares e equipamentos públicos do parque.

O ámbito de actuación abrangue uns 250 metros, entre a rúa Xeneral Rubín e os xardíns da Praza da Constitución.

Os operarios da empresa Garocaprim SL comezaron o botado do formigón ocre co que quedarán pavimentadas boa parte das novas sendas, unhas obras que estarán completamente rematadas este venres.

Tino Fernández sinalou que "salvo que o mal tempo e as tormentas nolo impidan, os camiños quedarán listas, 'pisables' e transitables para a vindeira semana, garantindo ao alumnado un acceso en condicións de salubridade para o comezo do curso escolar".

As actuacións, executadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural cun orzamento de 48.081 euros, incluirán a creación dunha pequena plataforma de madeira co obxectivo de non afectar á estabilidade dun exemplar de chopo italiano de elevado porte e valor ornamental.

Fernández explicou que "é posible que a finalización dese treito duns 15 metros se prolongue no tempo un pouquiño máis, polo que quedará con herba algúns días máis, pero non afectará en absoluto á circulación, xa que se trata dunha zona moi pequena".

Os novos camiños foron deseñados cunha vocación provisional, para atender as necesidades máis perentorias, que son as do acceso do alumnado, coa previsión de que poidan incorporarse ao proxecto definitivo para liberar e renaturalizar o río dos Gafos neste treito.

O paseo de Valle-Inclán pechouse á circulación peonil no mes de marzo despois de que se detectaran importantes danos estruturais na cuberta sobre o río Gafos.