Arredor de 160 persoas solicitaron información na Oficina Municipal de Turismo, situada no edificio da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, ao longo do mes de agosto.
Practicamente o 100% dos visitantes que foron asesorados polo técnico municipal proveñen dun turismo nacional. Por comunidades, Madrid foi a máis representada neste aspecto, con preto de medio cento de turistas. Tamén hai que destacar unha importante presenza de persoas de Andalucía, Cataluña, Valencia ou Euskadi. Estímase que o incremento de visitas foi dun 25% aproximadamente con respecto ao mesmo mes no ano 2023.
Con respecto á información demandada polos usuarios, unha inmensa maioría amosou moito interese en coñecer detalles sobre as rutas de de sendeirismo de Cuntis. Tal e como lembra o alcalde, Manuel Campos, o concello conta con máis de 20 quilómetros de espazos para camiñar e fomentar os hábitos saudables, ao tempo que se poden gozar de grandes vistas e da beleza da contorna. "A nosa aposta continuará sendo a potenciación destas zonas, xa que somos conscientes de que en Cuntis contamos con recursos únicos que espertan moito interese entre a xente de fóra", sinala Campos Velay.
Non hai que esquecer que Cuntis dispón de tres roteiros de referencia dentro da provincia de Pontevedra. O máis longo é o que transcorre pola contorna dos ríos Gallo e Umia, con 10 quilómetros de extensión e dificultade moderada.
Ademais, tamén está o Camiño da Cruz, que permite coñecer a Aldea do Pazo ou o Monte Marán, así como a ruta dos petroglifos, con paradas obrigadas na Árquea Arqueolóxica da Ran ou o convento de San Bieito. Os turistas tamén solicitaron datos sobre Castro Landín, demostrando, unha vez máis, que o patrimonio etnográfico e histórico é outro atractivo importante de Cuntis.
A través das enquisas realizadas polo técnico de Turismo, tamén se poden obter outros datos de interese, como o feito de que moitas persoas preguntaron por cuestións vencelladas á gastronomía típica local e o produto de proximidade, para coñecer os locais e lugares onde comprar pan, queixo e outras especialidades autóctonas.
Con respecto ao perfil dos visitantes, predominaron durante o mes de agosto as parellas de persoas de idades comprendidas entre 60 e 65 anos, en moitos casos xubiladas recentemente, pero cunha actitude activa e dispostas a desprazarse. Neste caso, ademais de solicitar información sobre as sendas e a oferta termal, tamén se interesan por outras localidades e lugares da contorna, tanto da provincia de Pontevedra como de Galicia.
Hai que lembrar que a enquisa informativa que se lle realiza ás persoas que visitan a Oficia de Turismo recolle cuestións de interese, como a procedencia dos turistas, o tempo de estancia ou o seu método de transporte. Ao longo de todo o verán foron atendidas máis de 300 persoas.