As Ruínas de San Domingos experimentaron o agosto con máis afluencia nas últimas dúas décadas

Pontevedra
13 de setembro 2023

39.741 persoas das 46.312 que se achegaron polas instalacións do Museo visitaron este espazo. Ademais, a exposición 'Rafael Úbeda. Expresións cromáticas' foi a que logrou máis público neste 2023, cunha cifra provisional de 7.133 visitantes a finais de agosto

Exposición de Rafael Úbeda no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

Durante o primeiros oito meses deste 2023 un total de 139.493 persoas pasaron polas instalacións do Museo de Pontevedra, un 16% máis das que se rexistraron en 2022 durante ese período. 

Todos os meses desde febreiro superaron amplamente as cifras do ano anterior. En agosto a cifra alcanzou as 46.321 persoas, o mes de máis visitas desde o ano 2009, segundo indica a Deputación de Pontevedra. O incremento respecto a xullo foi dun 75% e supera nun 9% as visitas rexistradas durante o mes de agosto do ano anterior.

As Ruínas de San Domingos volveron ser o espazo con máis visitantes ao achegarse ata os restos do Convento gótico 39.741 persoas, a máis alta nos últimos 20 anos, desde que se teñen datos sobre a presenza de visitantes. Esta afluencia foi un 85% superior ao mes de xullo e o incremento respecto a agosto de 2022 alcanza o 10%, o máis elevado da serie histórica ata o momento.

Desde abril, cando se abriron ao público, ata o mes de agosto, as Ruínas suman  92.538 visitantes, un 14% máis que en 2022, aínda que se abriron dúas semanas máis tarde que o pasado ano. Permanecerán abertas ata o 31 de outubro.

En canto ás exposicións temporais, a máis visitada este ano é a de 'Rafael Úbeda. Expresións cromáticas', que permanece aberta no Edificio Castelao ata o 17 de setembro. Ata finais de agosto foi visitada por 7.133 persoas.