Vasquida García, Ernestina Otero e Dolores Trabado. Son as tres mulleres que Pontevedra rescatou da súa memoria para dar nome a tres dos principais viais que permeabilizan os antigos terreos de Tafisa, a beiras do río Lérez.
A inauguración oficial destas tres rúas produciuse este sábado nun emotivo acto no que alumnos do IES Sánchez Cantón realizaron unha breve representación teatral sobre a vida das tres mulleres homenaxeadas.
"A poucos actos tan bonitos fun desde que son alcalde", sinalou o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que Pontevedra "é unha cidade con memoria" empeñada en lembrar e visibilizar a persoas "importantísimas", especialmente mulleres.
Moitas elas, segundo sinalou Fernández Lores na súa intervención, "estaban esquecidas e houbo quen as quixo enterrar", polo que o actual goberno municipal optou por "visibilizar a potencia de mulleres que son un exemplo para todos" no rueiro da cidade.
Así, entre outras, sumáronse á memoria colectiva de rúas e prazas de Pontevedra mulleres como Josefina Arruti, Amalia Álvarez, Virxinia Pereira ou María Victoria Moreno, á que se suman tres novas protagonistas que contribúen a que a cidade "siga medrando con memoria".
Vaquida García, unha 'menciñeira' acusada de bruxería no século XVI; Dolores Trabado, a primeira muller taxista que houbo en Pontevedra; e Ernestina Otero, unha mestra "innovadora e reivindicativa", son as tres mulleres que, desde agora, figuran no rueiro pontevedrés.
O alcalde, con respecto a esta última, destacou o "orgullo" de ver como, nunha zona cara a onde se ampliará o campus universitario, sexa esta mestra a que dea nome a este espazo.
"Seguiremos traballando pola memoria porque sen memoria non hai futuro", sentenciou Lores.
No acto participaron familiares de dous das mulleres homenaxeadas, Dolores Trabado e Ernestina Otero. A ambientación musical correu a cargo da banda de saxos de Redondela, unha formación integrada maioritariamente por mulleres novas.
Na confluencia destas rúas, o Concello colocou ademais unha placa que mostra unha exposición biográfica sobre as mulleres que dan nome ás rúas desta nova urbanización.