As rúas de plataforma única de Pontevedra reducirán o límite de velocidade a 10 km/h. para todos os vehículos

Pontevedra
19 de setembro 2019

Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade, sinalou que esta medida se adoptará en rúas de convivencia de vehículos con peóns como O Gorgullón, o centro histórico ou Virxe do Camiño. O obxectivo é reducir os accidentes leves que afectan a peóns

Vehículo circulando pola plataforma única de Michelena Cristina Saiz

Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade, explicaba este xoves que o goberno local tomou a decisión de implantar unha redución da velocidade dos vehículos que circulan en zonas de plataforma única, espazos nos que coinciden peóns e vehículos. A intención é pasar do 20 km/ h. ao 10 km/ h.

Esta proposta adoptarase baseándose no informe analítico da circulación en Pontevedra realizado polo enxeñeiro Fernando Nebot con informes dos técnicos municipais, que será editado en formato libro e recollerá os elementos de acougado de tráfico. Neste estudo recoméndase que os vehículos deben circular nestes espazos a máis de dous metros dos peóns e a unha velocidade de 5 km/ h.

O concelleiro afirmou que aínda se está estudando cando se aplicará esta medida, porque se analizan que medidas serían necesarias para que esta redución levase a cabo, ademais da vixilancia policial. 

Demetrio Gómez indicou que se estudará aínda a que velocidade reduciríase a velocidade en rúas como Cruz Gallástegui ou en Riestra nas que, a pesar da prioridade peonil, existe un espazo destinado á circulación de vehículos. 

O goberno local prevé tamén que a redución da velocidade sexa aplicada a todo tipo de vehículos, desde camións a turismos pasando por bicicletas, motos ou patinetes. 

O concelleiro que anunciaba esta medida con motivo da celebración da Semana Europea de Movilidad mostrou a súa satisfacción porque este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, serán distinguidos nun acto en Cangas pola prevención de accidentes de tráfico con motivo da aplicación do modelo de cidade. "Fainos máis ilusión", indicou o concelleiro ao comparalo con outros premios porque "sempre resulta difiícil ser profeta na propia terra".