As responsables do Bar O Roxo, "cansas" pero cunha "satisfacción moi grande" tras o primeiro día cociñando para nenos

Pontevedra
27 de marzo 2020

Tras quince días "sen facer nada" e co restaurante pechado, asegura Mari Carmen, tanta actividade estivo a piques de superarlles, pero resolvérono coa súa mestría habitual nos fogóns. "Tiñamos moitos nervios pero foi todo moi ben", relata sobre esta experiencia

Preparación dos menús escolares no Bar O Roxo Diego Torrado

"Cansas pero cunha satisfacción moi grande por dentro". Así están, segundo elas mesmas explican, as responsables do Bar O Roxo que, este venres, cociñaron por primeira vez para o centenar de nenos e nenas con bolsas para os comedores escolares de Pontevedra.

Tras quince días "sen facer nada" e co restaurante pechado, asegura Mari Carmen, tanta actividade estivo a piques de superarlles, pero resolvérono coa súa mestría habitual nos fogóns. "Tiñamos moitos nervios pero foi todo moi ben", relata sobre esta experiencia.

Coas pernas de xamón xa asadas e en repouso desde onte á noite, a principal tarefa deste primeiro día de cociñado foi acudir ao mercado para comprar "o que nos faltaba", entre outras cosas verduras e cenorias. "Comprámolo todo no mercado local", explica a cociñeira.

En cociñas, Mari Carmen e a súa compañeira centráronse en facer a salsa da carne, o arroz e as cenorias. Ademais, tiveron que cortar o pan e envolvelo en papel filme para " toquetearlo o menos posible" antes de que chegasen os voluntarios de Protección Civil.

Eles foron os encargados de facer unha repartición na que as donas do Bar O Roxo quixeron coar un "caprichito" para os nenos, unha piruleta. "Todos os días queremos darlles algo de agasallo. O martes esperamos poñer un bizcochito", engade Mari Carmen.

Este traballo, que realizan para os servizos sociais de Pontevedra, "está a ser marabilloso", relatan as responsables do bar de Os Praceres, que explica como desde que PontevedraViva publicou a súa historia "chégannos unha chea de mensaxes nas redes sociais para felicitarnos".

"Teremos que convidar a todo o mundo a unha cervexa cando acabe isto", asegura Mari Carmen entre risas. Mesmo un xubilado da zona ofreceuse a colaborar con elas, facéndolles a compra ou dándolles repolo e verduras das súas hortas.

É só unha mostra de que, en momentos complicados, tamén somos capaces de sacar a mellor versión de nós mesmos como comunidade.