A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, compareceu en rolda de prensa este luns para dar conta da actuación do gabinete de crise activado polo goberno provincial desde a madrugada do sábado en coordinación coa Consellería do Medio Rural, a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta e os concellos do sur da provincia. Para este luns a Deputación cancelou toda a súa axenda de actos oficiais.
Carmela Silva explicou que desde o sábado pola noite a Deputación mobilizou todos os parques do consorcio provincial contra incendios e salvamento, Vilagarcía, O Porriño, Bueu e Ribadumia, que se puxeron a disposición do 112 e de Medio Rural, e que ao longo do día movéronse en función do perigo dos lumes, desde Pazos de Borbén a Mondariz, Ponteareas, Redondela, Soutomaior, Gondomar, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Meis, Forcarei, Porriño, Nigrán, Baiona, Oia, Mos, Salvaterra ou As Neves.
Ademais, durante a xornada do domingo activouse a alerta en diferentes departamentos da institución provincial e coordinouse desde a área de Mobilidade o envío de medios humanos e máquinas as zonas máis afectadas, chegando mesmo á contratación externa dalgúns materiais. De feito enviáronse dúas máquinas de cadeas e dúas góndolas, ademais de dúas cisternas así como condutores e un coordinador do parque.
Tamén se mobilizaron todos os efectivos humanos dos parques de bombeiros, con brigadas de reforzo en cada un deles que non estaban de servizo e aos que agradeceu a súa "resposta positiva e inmediata".
Esta mañá de luns aínda hai unidades do consorcio en Salvaterra e As Neves e o director xeral de emerxencias, Luís Menor, pediu medios terrestres para colaborar en dúas parroquias das Neves e de Ponteareas, onde dirixíronse bombeiros do parque de Vilagarcía.
"As primeiras avaliacións son terribles", afirmou Carmela Silva despois de pechar unha rolda de contactos cos alcaldes das localidades afectadas, destacando situacións como a das Neves onde o rexedor "asegura que está arrasado el 90% del territorio", con todos os núcleos e parroquias afectadas e danos en vivendas e vehículos, así como desaloxos.
Carmela Silva asegurou que este luns mantense o gabinete de crise e "cando todo termine e estea todo controlado teremos que falar do ocorrido, das causas e recursos" pero agora non é o momento desa "análise rigorosa", dixo a presidenta provincial, porque "hoxe sentímonos todos nunha profunda desolación".
Igualmente o vicepresidente César Mosquera está convencido de que "o maior problema ambiental de Galicia é o monte" polo que considera "necesario" deixar pasar un tempo para "atacar isto dunha vez", entre outras cousas porque "o cambio climático parece que vai acentuar isto".
Finalmente Carmela Silva evitou deixar "titulares altisonantes" e rexeitou facer valoracións sobre a existencia de tramas organizadas apelando "ao rigor e a seriedade" e centrouse "no que toca agora" que é, dixo, apagar os lumes e atender á cidadanía.