As praias de Sanxenxo, a pleno rendemento con 60 socorristas

Sanxenxo
21 de xullo 2016

A concelleira de Seguridade recoñece que un atraso obrigou a renunciar ao izado de tres bandeiras, pero destaca, con todo que Sanxenxo conseguiu cubrir un persoal de 60 socorristas, unha cuestión de gran complexidade como demostra o feito de que outros municipios de Galicia tiveron que renunciar a bandeiras azuis ao non poder incorporar a todos os profesionais necesarios

Primeira fin de semana do verán con socorristas na praia de Canelas
Primeira fin de semana do verán con socorristas na praia de Canelas / Concello de Sanxenxo

Este xoves 21 de xullo as praias de Sanxenxo xa poden dicir que están a pleno rendemento en canto á apertura total de todas elas con persoal de salvamento. A incorporación de alumnos do curso realizado ata esta mesma semana pola Federación Galega de Salvamento e Socorrismo permitiu á Concellería de Seguridade completar o persoal e alcanzar os 60 profesionais necesarios para proceder á apertura de todos os areais. 

A concelleira de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa, recoñece que un atraso obrigou a renunciar ao izado de tres bandeiras, pero destaca, con todo, que Sanxenxo conseguiu cubrir un persoal de 60 socorristas, unha cuestión de gran complexidade como demostra o feito de que outros municipios de Galicia tiveron que renunciar a bandeiras azuis ao non poder incorporar a todos os profesionais necesarios.

Entre as medidas que o goberno local adoptou para liquidar esta carencia de socorristas está o incremento en 50.000 euros da partida destinada á contratación de persoal para as praias, o que permitiu un incremento salarial e mellora das condicións laborais na xornada destes profesionais.

Ademais, a concellería de Seguridade asinou un convenio coa Academia Galega de Seguridade, dependente da Xunta, para que os alumnos do primeiro curso de formación específica en materia de socorrismo, para que realizasen as prácticas nas praias de Sanxenxo. Un deles aceptou.

A Concellería de Seguridade tramitou tamén unha subvención coa Consellería de Presidencia, que foi concedida, e que permitiu ampliar o tempo de contratación, de maneira que este ano 25 profesionais dispoñen dun contrato de tres meses que garantirá a súa presenza nas praias ata o 15 de setembro.

As cifras deste ano supoñen contar con 11 socorristas máis que os 49 do ano pasado. O goberno local considera por tanto que as medidas adoptadas han grande efecto e entende que o problema da escaseza de socorristas non é achacable a unha xestión local.