As persoas residentes en Combarro xa contan unha zona de aparcamento 24 horas no Camiño Real

Poio
02 de xullo 2022

A Concellería de Seguridade Cidadá confirmou que a partir da vindeira semana tamén se abrirá unha parcela que se atopa en Costa de Abaixo. Os dous aparcadoiros teñen unha capacidade total para acoller uns 30 automóbiles aproximadamente e serán de 24 horas, co obxectivo de garantir a súa rotación

Nova zona de estacionamento no Camiño Real Concello de Poio

As persoas residentes en Combarro contan desde esta fin de semana cunha nova zona de estacionamento específica no Camiño Real que aliviará os problemas para aparcar cos que se atopan a diario durante as épocas de maior afluencia turística nesta zona de Poio. 

A Concellería de Seguridade Cidadá confirmou este sábado que desde este venres 1 de xullo xa está operativo este estacionamento.

A responsable do departamento municipal, Marga Caldas, engadiu que a partir da vindeira semana tamén se abrirá unha parcela que se atopa en Costa de Abaixo.

Os dous aparcadoiros teñen unha capacidade total para acoller uns 30 automóbiles aproximadamente e serán de 24 horas, co obxectivo de garantir a súa rotación. 

Estes dous espazos foron acondicionados polo Concello despois de realizar xestións coas persoas propietarias. 

O Concello de Poio continúa xestionando máis espazos para ampliar o número de prazas para residentes, á espera de que Portos de Galicia aprobe o proxecto para as 25 prazas que se emprazarán nunha parcela situada no Paseo das Redeiras.

O pasado mes de maio, o Concello anunciou que quedarían habilitados como aparcamentos cinco terreos cedidos polos seus propietarios en Costa de Abaixo, Cela, o Camiño Real e A Pinela. Todos teñen o mesmo obxectivo, solucionar os problemas de estacionamento que se rexistran en Combarro, sobre todo nos meses estivais.

A través deste plan, o goberno municipal de Poio prevé habilitar unhas 160 prazas de nova creación, repartidas entre os máis de 6.000 metros cadrados que se destinarán a este servizo.