As palmeiras de Pontevedra 'pasan por talleres'

Pontevedra
03 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Estes labores permitirán quitar as follas secas na copa destas palmeiras e limpar as vainas dos seus troncos, traballos que segundo o edil de sostemento de espazos públicos, Xaquín Moreda, son "complexos" ao ter que facerse con plataformas elevadoras

Mantemento das palmeiras de Gutiérrez Mellado Mónica Patxot

Polas palmeiras do ámbito de Gutiérrez Mellado, onde hai uns 24 exemplares, comezaron este mércores os traballos de mantemento que o goberno municipal de Pontevedra decidiu impulsar nestas árbores, máis de setenta en toda a cidade. 

Estes labores permitirán quitar as follas secas na copa destas palmeiras e limpar as vainas dos seus troncos, traballos que segundo o edil de sostemento de espazos públicos, Xaquín Moreda, son "complexos" ao ter que facerse con plataformas elevadoras.

En Gutiérrez Mellado "é máis doado", explicou Moreda, porque os traballos apenas interrompen o tráfico, pero isto cambiará cando toque arrombar as vinte palmeiras de Sagasta ou as trinta que hai no ámbito da Avenida de Vigo e Andrés Mellado. 

Alí, en coordinación coa Policía Local, haberá cortes de tráfico, teranse que retirar os contedores e haberá que valar a zona para garantir a seguridade dos peóns.

"Estes eran uns traballos demandados pola cidadanía", sinalou o concelleiro do BNG, que recoñeceu que, a pesar de que este labor débese facer cada certo período de tempo, "levábamos tempo sen actuar sobre elas".

Ás cuestións estéticas que motivan este mantemento, o edil sumou a necesidade de ofrecer máis seguridade aos peóns, xa que nos últimos temporais desprendíanse as follas. Ademais, búscase contribuír a mellorar a calidade de vida destas palmeiras.

Estes traballos custarán uns 17.525 euros.

Fóra deste mantemento queda a Alameda, porque xa está a experimentar o seu propio proceso de poda e de mellora das árbores. Os técnicos están a estudar ademais o seu estado para ver cales están enfermos e poderían ser tallados. Isto non afectará a ningunha palmeira.