Un total de 2.332 persoas visitaron as oficinas de turismo situadas no porto deportivo de Sanxenxo e de Portonovo durante o pasado mes de xullo. As cifras rexistradas supoñen apenas un 2 % menos que no mesmo período de 2019, ano turístico récord no municipio.
En canto á procedencia de visitantes ás oficinas de turismo desde o territorio español, lidera a clasificación Madrid con 501 persoas, seguido de Castela e León (345), Galicia (235), País Vasco (198), Asturias (182) e Andalucía (110).
Dos 2.332 visitantes que acudiron a estes puntos informativos, 188 fixérono desde o estranxeiro sendo Portugal o principal emisor con 105, o que constata un repunte no número de viaxeiros lusos. Tamén acudiron de Arxentina (7), Sudáfrica (2), Rusia (8), Bélxica (14), Cuba (2), Francia (18), Alemaña (8) ou Inglaterra (15).
O 59 % dos turistas que acudiron ás oficinas solicitaron información sobre que visitar; o 9,63 %, pediron un plano; o 9,52 %, interesáronse polas viaxes a illas; o 9,30 %, preguntaron polos roteiros de sendeirismo; o 6,09 %, pola programación festiva; e o 2,21%, pola gastronomía ou adegas.
En canto á idade, a franxa entre 35 e 60 anos concentra 1.092 visitantes das oficinas, seguidos de menores de 18 anos (497), maiores de 60 (496) e entre 18 e 35 anos (247).
En canto ao aloxamento, o 47,96 % elixiron un hotel para pasar a súa estancia en Sanxenxo, un 29,10 % hospedáronse nun apartamento; un 8,88 %, en barco ou caravana; en cámping (6,25 %), en pensión (2,36 %) e non aloxados no municipio (4,90 %).
Finalmente, a oficina de turismo que recibiu máis visitantes o pasado mes de xullo foi a situada no porto deportivo con 1.175 visitantes fronte aos 1.157 de Portonovo.