Un total de 2.983 visitantes acudiron no mes de agosto ás oficinas de turismo de Sanxenxo e Portonovo en busca dalgún tipo de información do destino. O 64,64% elixiron o municipio como destino vacacional por primeira vez e o 35,36% xa estiveran con anterioridade. As cifras revelan un incremento do 1% con respecto a 2019 e un importante crecemento do turismo internacional, especialmente o procedente de Portugal.
En canto á procedencia dos visitantes que se pasaron polas oficinas de turismo, no territorio nacional está á cabeza Madrid (702), País Vasco (406), Castela e León (343), Galicia (246) e Cataluña (227). Ademais, hai doutros lugares como Asturias (128), Andalucía (109), Aragón (91) e mesmo de Canarias (22) ou Baleares (3). Do estranxeiro, destaca Portugal (228), Francia (61), Inglaterra (18), Alemaña (18) ou Venezuela (10).
A oficina de Portonovo rexistrou unha maior actividade que a situada no porto deportivo de Sanxenxo en agosto. Concretamente, un 38,41% máis de visitas. En canto ao perfil de idade que acode a estes puntos de información, mantense no rango de idade entre 35 e 60 anos (1.632) como o máis habitual fronte aos de 18 e 35 anos (306), menores de 18 (629) ou maiores de 60 anos (416). A maioría dos que se pasaron polas oficinas de turismo en agosto aloxáronse en hotel (46,36%), un 28,35% en apartamento, un 8,97% en barco ou caravana, un 8,33% en cámping, un 1,18% nunha casa rural e un 0,85% nunha pensión.
A información máis solicitada foi sobre puntos de interese turístico (72,01%), viaxes a illas en barcos (7,69%), cultura, festas ou actividades (5,88%), un plano (5,77%), natureza, praias ou sendeirismo (4,81%) e gastronomía, adegas ou restaurantes (1,60%).