Máis de 2.500 persoas foron asesoradas este mes de xullo polas técnicas das oficinas de turismo de Poio, situadas na Escola do Campo, en Combarro, e no Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador. Así o confirmou a tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Silvia Díaz, que sinala tamén que "neste verán estamos a detectar un incremento de visitantes que proveñen doutros países".
Se ben máis do 90% das consultas tramitadas corresponden ás efectuadas por persoas chegadas doutras cidades do territorio español, preto dun 7% das demandas de información foron efectuadas por turistas doutras nacionalidades.
Neste sentido, Díaz lembra que "somos conscientes de que Poio está plenamente consolidado como destino turístico de proximidade, polo que seguimos a traballar para continuar dirixíndonos a visitantes internacionais". Este é unha das metas do departamento de Turismo, ao igual que acadar unha desestacionalización que garanta unha actividade regular do sector ao longo dos 12 meses do ano.
A meirande parte das consultas leváronse a cabo na oficina situada nas proximidades do Casco Histórico de Combarro.
Ademais, o Concello tamén está a detectar un importante un aumento no número de visitas de peregrinos. "O feito de que este 2022 sexa Ano Xacobeo está a animar a moita xente a completar a Variante Espiritual do Camiño Portugués, que tamén é un dos grandes atractivos cos que contamos en Poio xunto coa Ruta do Padre Sarmiento", recorda a tenente de alcalde.
Ao longo do mes de xullo foron moitas as persoas camiñantes que se achegaron á Casa Consistorial para selar a súa acreditación. Trátase de xente chegada de distintos puntos de España, pero tamén de países como Italia, Portugal, Francia e Reino Unido. En moitos casos, son grupos compostos por entre 20 e 30 persoas.