As obras do paseo peonil e ciclista cara Marín comezarán "a lo largo de 2020"

Pontevedra
17 de setembro 2019

Fomento ve con bos ollos a reforma do actual nó de Praceres, que dá acceso ao porto, para poder continuar o paseo ata chegar ao centro de Marín. Pediu ao  Concello que remita un anteproxecto para que o estuden os técnicos. O obxectivo é dar a esta zona un tratamento máis humanizado

Presentación do paseo peonil e ciclista a Marín PontevedraViva

O Goberno deu un paso definitivo para que o paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín sexa unha realidade a moi curto prazo. As obras comezarán "a lo largo de 2020", segundo confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

Así será, sinalou Losada, tras finalizar este mesmo mes o prazo para presentación de ofertas, segundo confirmou durante a presentación do proxecto nun acto no que, entre outros, participaron os alcaldes de Pontevedra e Marín, Miguel Anxo Fernández Lores e María Ramallo; ou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

"Es una satisfacción para el gobierno de España dar un paso más para hacer realidad este proyecto que une ayuntamientos y une a personas", destacou o delegado, que lembrou que esta "demanda histórica" dos dous municipios supón un investimento de 2,5 millóns de euros por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Esta actuación, que terá un prazo de execución de nove meses, permitirá conectar os tramos de paseo xa existentes, por unha banda, a pasarela peonil que parte de Praceres cara Pontevedra -usada actualmente polas mariscadoras- e por outro o paseo ciclo-peonil que parte de Pontevedra cara Marín pola PO-12.

A ampliación realizarase en dúas fases. A primeira dará continuidade á pasarela existente en Praceres con outra pasarela metálica de 783 metros de lonxitude. Será unha estrutura pilotada sobre a ría que terá 2,5 metros de ancho

Pola súa banda, o segundo tramo prevé continuar o paseo marítimo da Avenida de Marín cunha senda peonil con carril bici, de 1.246 metros, que aproveitará terreos abandonados e un dos carrís de saída en dirección a Marín que será suprimido.

Esta actuación incluirá ademais a construción dunha nova rotonda nas inmediacións dos antigos terreos de Malvar, na falsa glorieta que acolle actualmente o monumento aos ciclistas falecidos na estrada.

Este proxecto, engadiu Javier Losada, demostra o compromiso do goberno central co uso "público y sostenible" da costa e con lograr que os cidadáns conten con espazos "cada vez más habitables", unindo de maneira "saludable y respetuosa ambientalmente" os municipios de Pontevedra e Marín.

O alcalde de Pontevedra, pola súa banda, celebrou os avances deste proxecto que permitirá aos pontevedreses "achegarse aínda máis á ría". Fernández Lores lembrou que a intención do goberno municipal é "recuperar" todo este ámbito para o goce de todos os cidadáns.

"Este paseo é fundamental para unir Pontevedra e Marín", engadiu o rexedor, para permitir que ambos os municipios "poidan relacionarse máis" e facelo de maneira "máis saudable".

CONTINUIDADE ATA MARÍN

Ademais, Fomento ve con bos ollos a reforma do actual nó de Praceres, que dá acceso ao porto, para poder continuar o paseo ata chegar ao centro de Marín. Para iso, pediu ao Concello de Pontevedra que lles remita un anteproxecto para que os seus técnicos estuden a viabilidade desta actuación, demandada tamén desde o municipio veciño. 

Esta ampliación ata Marín é, segundo recoñeceu o delegado, un "objetivo" do goberno de Pedro Sánchez, que aposta por un desenvolvemento "sostenible y humanizado" das cidades.