O Paseo Alcalde Blanco de Marín, está a avanzar na súa execución para converterse nunha nova área urbanística para o goce da veciñanza, un lugar de encontro e de relación directa coa natureza, segundo o goberno local.
A UTE de empresas Prace - Emergis Construcciones é a que se está a encargar deste proxecto cun orzamento total, segundo o Concello de Marín, de 1.312.653,45 euros (sen IVE), que están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco da estratexia Marín Dusi.
"Queremos crear espazos agradables, de esparexemento para os nosos veciños e veciñas, aproveitando todos os recursos que temos e a nosa espectacular paisaxe", apuntou a alcaldesa María Ramallo este luns. Tal e como se detalla na memoria do proxecto, na punta do paseo crearase unha nova zona de transición, consistente nunha peza de madeira a modo de graderío, onde tamén se habilitarán pequenos miradoiros.
O proxecto contempla tamén a creación de áreas verdes amplas abondo para acoller diversas especies vexetais, seleccionadas previamente, que sirvan de barreira visual cara a infraestrutura portuaria que colinda co paseo. Nestas áreas tamén haberá espazo para albergar bancos de descanso, elementos de xogo infantil e xogos acuáticos, entre outros.
Ademais, abrirase un novo local de hostalaría, cuxo deseño estea integrado coa contorna e que conte con amplos ventanais, facilitando a prestación das vistas ás persoas que vaian a usalo.