A alcaldesa, María Ramallo, e o edil de Medio Rural, Pablo Novas, visitaron este xoves as obras de construción dun novo colector entre Picotes e Pastoriza, un dos proxectos máis ambiciosos en materia de saneamento que se está a levar a cabo no eido rural da vila e que mellorará unha situación problemática que se viña arrastrando desde hai anos, cando se construiu a antiga depuradora.
Segundo lles explicaron os técnicos da empresa e a directora de obra, nestes momentos está executado o 70% dos traballos, aínda que agora queda o tramo máis complexo, xa que se atopou bastante pedra. Picala retrasa lixeiramente os labores de instalación da rede, que en total terá 1.670 metros de lonxitude.
"Somos conscientes da importancia de resolver os problemas que estos máis de cen veciños e veciñas tiñan coa contaminación das traídas e por iso decidimos adicar 159.000 euros do Remanente de Tesourería do Concello á execución desta rede de saneamento, que é complexa e longa, pero moi necesaria", explicou a rexedora a pé de obra.
Ramallo lembrou que esta actuación foi consensuada coa veciñanza nunha reunión que se mantivo na Casa de Cultura de Ardán, para decidir de xeito unánime pechar a depuradora que daba servizo á zona, que era completamente deficitaria e que tiña informes técnicos recurrentes do seu mal funcionamento.
"As obras en saneamento son fundamentais, teñen custes elevados e non sempre son fáciles de executar. Por iso temos que poñelas en valor, porque supoñen unha mellora na calidade de vida e porque é a maneira de prestar este servizo público esencial do mellor xeito posible", rematou a alcaldesa.