As obras do Gran Montecelo entran nunha nova fase: a construción da estrutura

Pontevedra
12 de febreiro 2022

Aplican un innovador sistema de encofrado que aumenta nun 50% a produtividade no avance das obras. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destaca que "este sistema de encofrado innovador, en lugar do tradicional, permite un maior progreso"

Obras do Gran Montecelo a 12 de febreiro de 2022 Xunta de Galicia

A execución do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra atópanse nunha nova fase de execución, a construción da estrutura, e neste momento resulta crucial a aplicación dun innovador sistema de encofrado que, tal e como destaca a Xunta de Galicia, aumenta nun 50% a produtividade no avance das obras.

Este mecanismo posibilita lograr rendementos de 3.000 metros cadrados ao mes na execución deste proxecto.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destaca a través dun comunicado que "este sistema de encofrado innovador, en lugar do tradicional, permite un maior progreso".

O sistema que se está utilizando é o de mesas de encofrado, cuxa principal vantaxe é que o taboleiro e a estrutura inferior se montan unha soa vez e se van movendo polas plantas, xa sexa apoiados en rodas ou mediante unha carretilla elevadora. 

No seu movemento horizontal vanse xerando as lousas de cada andar do edificio hospitalario e no seu desprazamento vertical elévanse ata a seguinte planta, para crear a estrutura de formigón de cada nova altura. Deste xeito, as mesas evitan gran parte dos movementos con grúas, co dobre resultado de redución dos riscos laborais e de aumento da produtividade

A Xunta destacou este sábado que "segue avanzando a bo ritmo" nas obras, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros.

No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros neste proxecto, que consiste na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares. 

Arquivado en