As obras do emisario submarino están executadas ao 44 %

Pontevedra
04 de maio 2022

Na actualidade estanse a fabricar os lastres do tramo fondeado, levando a cabo traballos como a disposición da rampla de colocación de tubaxe, a escavación da cámara de carga ou a extensión do formigón e aceiro necesarios

Desmontaxe da tuneladora Xunta de Galicia

A Xunta continúa avanzando nas obras do emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, coa perforación do túnel xa rematada e unha execución global dos traballos que xa acada o 44%. 

Cómpre lembrar que o 18 de abril se completou o tramo en túnel, cunha lonxitude final de 690 metros que se acometeu grazas ao traballo da máquina tuneladora procedente de Alemaña, que xa foi retirada.

Neste sentido, desde esa data e ata este luns traballouse no desmontado de toda a loxística da operación levada a cabo coa tuneladora. Para iso foi preciso desmontar cableados, carros e tubaxes, o lastrado provisional da tuneladora ou a inundación da tubaxe, entre outras accións.

Na actualidade estanse a fabricar os lastres do tramo fondeado, levando a cabo traballos como a disposición da rampla de colocación de tubaxe, a escavación da cámara de carga ou a extensión do formigón e aceiro necesarios.

No que se refire á depuradora, xa se están a amosar uns resultados satisfactorios dos parámetros das augas tratadas polas instalacións, que se atopan na actual fase final de posta en marcha e de probas, que se prevé culminar no verán.

Estas dúas actuacións enmárcanse no Plan de saneamento da ría, que se complementará con accións como o saneamento do río Lameira, o bombeo de Cocheras ou saneamento da Seca e do porto de Campelo en Poio, sumando un investimento da Xunta de preto de 50 millóns de euros.

 

Arquivado en