As obras do centro de saúde de Ribadumia terminarán "nas próximas datas"

O Salnés
01 de abril 2023

O proxecto realizouse grazas a unha partida orzamentaria de 56.000 euros coa que se dotará o centro de Atención Primaria dun maior número de espazos de consultas que aporten un maior confort aos usuarios e profesionais que prestan o seu servizo

Centro de saúde de Ribadumia Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

As obras de remodelación e mellora do centro de saúde de Ribadumia rematarán "nas vindeiras datas", tal e como indicou a Administración Sanitaria Pública.

O proxecto realizouse grazas a unha partida orzamentaria de 56.000 euros coa que se dotará o centro de Atención Primaria dun maior número de espazos de consultas que aporten un maior confort aos usuarios e profesionais que prestan o seu servizo.

Co remate das actuais obras de mellora e remodelación, a Área Sanitaria ten previsto incrementar "notablemente" o número de consultas. Deste xeito, pasarán de seis a nove e quedarán distribuídas cunha consulta pediátrica e unha de enfermería pediátrica; a área xeral contaráse con tres consultas Medicina de Familia e tres consultas de enfermaría; e a área de urxencias, unha consulta polivalente e un box de urxencias.

Nas obras tamén está contemplada a renovación das áreas de administración e de cita previa, á vez que dotarán unha sala para reunións e descanso e un aseo para os profesionais.

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén renovou con este proxecto arquitectónico en Ribadumia os seus aseos públicos, cunha especial aportación no aseo adaptado, que veu mellorada a súa funcionalidade e se redeseñou para prestar servizo hixiénico a pacientes ostomizados desta comarca.

Este proxecto forma parte das obras do Plan de Mellora da Atención Primaria na que tamén están contempladas as intervencións de mellora nos centros de saúde de Virxe Peregrina en Pontevedra, Tenorio en Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, San Roque en Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, e a renovación do ecógrafo do centro de saúde de Bueu.

No caso de Bueu, este novo equipo conta cun doppler en cor e tres sondas, que permitirá aos profesionais contar cunha nova ferramenta diagnóstica de alta resolución e potenciar a súa capacidade formativa no Plan MIR. O investimento superou os 16.000 euros.

Dentro deste Plan, a Área Sanitaria está a implantar outras melloras en equipamentos de centros de saúde de Pontevedra e O Salnés coma son cinco electrocardiógrafos, tres monitores de Índice Nocello-Brazo (ITB) para diagnoses de enfermidades arteriais periféricas, catorce monitores ambulatorios de tensión arterial, vinte básculas impedianciómetros, así coma a adquisición de varias padiolas e plicómetros. Con este equipamento, o investimento executado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acada os 90.000 euros.