As obras de saneamento do río Lameira comezarán a finais de ano

Marín
23 de maio 2022

Ata 3,3 millóns de euros investirá a Xunta de Galicia nas obras de saneamento previstas no río Lameira, en Marín. Esta actuación comezará a finais deste ano. As obras, que terán un prazo de execución de doce meses e están financiadas a través dos fondos europeos FEDER

Presentación das obras de saneamento do río Lameira

Ata 3,3 millóns de euros investirá a Xunta de Galicia nas obras de saneamento previstas no río Lameira, en Marín. Esta actuación, segundo avanzou este luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comezará a finais deste ano.

A conselleira, acompañada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentou as actuacións proxectadas, que suporán unha importante mellora ambiental do río Lameira. 

As obras, que terán un prazo de execución de doce meses e están financiadas a través dos fondos europeos FEDER, foron licitadas o pasado 13 de maio, de forma que as empresas dispoñen de prazo ata o 14 de xuño para presentar as súas ofertas. 

Terán un dobre obxectivo, segundo Ethel Vázquez, por un lado, reducir a incorporación de caudais de augas brancas á rede de saneamento na zona baixa do caso urbano, así como os frecuentes alivios ao medio; e, por outro, regular o sistema de saneamento da conca do río en tempo de chuvia, modulando os caudais que son derivados cara á depuradora. 

Para conseguir eses fins, en primeiro lugar, está previsto sacar do río o colector actual e procederase á renovación do colector interceptor nun treito de 1.620 metros con cinco cambios de marxe, desde a súa orixe, na estrada PO-313, en Coirados, ata Ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura.

Ademais reporanse dez acometidas que tamén deberán cruzar baixo a canle para conectarse ao novo colector. Está previsto tamén habilitar un acceso para o seu mantemento, con tres pasarelas de madeira para salvar os cruces do río.

Para a xestión das augas pluviais executarase un depósito de retención en formigón armado, que permitirá regular os caudais enviados augas abaixo, con capacidade para laminar un volume de 1.250 metros cúbicos. Será telexestionado con sinais de comunicación móbil.

Ademais, actuarase na estación de bombeo, que actualmente presenta deficiencias tanto hidráulicas, que orixinan frecuentes alivios ao medio, como de explotación, pola ausencia de equipos que aseguren unha xestión eficiente. 

Os traballos da Xunta abranguen a mellora ambiental do río Lameira e outras intervencións puntuais na rede, como a impermeabilización de pozos ou a separación de pluviais, ademais de corrixir as incidencias detectadas, como, por exemplo, a desconexión de augas pluviais do sistema de saneamento municipal.

O Concello de Marín asume o custo das expropiacións necesarias para executar estas obras, o que supón un gasto duns 79.000 euros.