As obras de saneamento do Gorgullón para evitar as inundacións rematarán a finais de abril

Pontevedra
27 de marzo 2015

Están rematando os traballos de separación das augas fecais e pluviais e, de cara ao futuro, o goberno local agarda rehabilitar o muíño situado na beira do río dos Gafos para que acolla unha cafetería ou un restaurante

Visita do alcalde ás obras de saneamento da contorna do Gorgullón PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este venres 27 as obras de saneamento que se están a desenvolver na zona do Gorgullón e que teñen como obxectivo evitar o problema de anegamento que se rexistra na zona este da cidade.

Segundo explicou o rexedor, ata agora existía unha única canalización de pluviais e residuais que agora se dividirá en dous, unha de 500 milímetros para saneamento e outra de 800 para augas pluviais que recollerán a chuvia da zona de Eduardo Pondal, A Parda e O Gorgullón.

Fernández Lores recoñeceu que en toda a zona da rúa O Gorgullón se producían desbordamentos de augas pluviais con fecais porque as dúas canles confluían nunha canalización de 400 mm, con escasa capacidade. Con estas obras resólvese este problema e, segundo o rexedor, rexistrarase "un cambio para a calidade da auga do río dos Gafos e tamén unha diminución do vertido que vai directamente á depuradora sen necesidade".

Os traballos finalizarán no prazo dun mes e marchan a bo ritmo. Contan cun investimento de 318.282,72 euros e son executadas pola empresa Viaqua. Nos próximos días instalaranse as canalizacións que restan nun tramo da rúa do Gorgullón que a continuación será asfaltada, igual que a rúa do Muíño.

MUÍÿO NOS GAFOS

O goberno local estuda tamén a recuperación do antigo muíño situado na parcela lindante co paseo dos Gafos. Segundo expuxo o alcalde, o obxectivo é poñer en valor toda esa zona de esparexemento e para iso sería necesario, nun proxecto a longo prazo, levar a cabo a rehabilitación desa instalación de preto de 5.000 metros cadrados coa intención de sacalo despois a contratación para que poida explotalo unha empresa coa apertura dunha cafetaría e un restaurante.

Fernández Lores apuntou que o paseo do río Gafos terá continuidade no desdobramento da Avenida de Vigo enlazándose por debaixo da ponte.