As obras de reforma da rúa Echegaray comezarán o próximo luns

Pontevedra
01 de xullo 2019

As autoridades traballan xa no plan de mobilidade que se activará para evitar problemas na circulación deste ámbito urbano e no acceso dos residentes e os vehículos de servizos. Este dispositivo comunicarase a veciños e comerciantes nos próximos días

Proxecto de reforma da rúa Echegaray Concello de Pontevedra

A reforma de Echegaray xa ten data. A empresa Viaqua, responsable destes traballos, comunicou ao Concello que as obras comezarán o vindeiro luns 8 de xullo.

As autoridades traballan xa no plan de mobilidade que se activará para evitar problemas na circulación deste ámbito urbano e no acceso dos residentes e os vehículos de servizos. Este dispositivo comunicarase a veciños e comerciantes nos próximos días.

Esta reforma supón un investimento de case 700.000 euros e ten un prazo de execución duns seis meses. As obras pararán en agosto e, se non están terminadas antes, tamén en nadal.

O proxecto contempla dúas redes novas de saneamento, unha a cada lado da rúa, que supoñerá a colocación de 425 metros lineais de tubaxes de 315 mm, 28 pozos de rexistro e 37 acometidas; mentres que a rede de pluviais tamén se cambiará por ambos os lados, con 425 metros lineais de tubaxes de 400 mm, 23 pozos, 37 acometidas e 26 sumidoiros.

Con respecto ao abastecemento de auga, pola súa banda, colocaranse 270 metros de tubaxe de 160 mm, 42 metros de tubaxes de 300 mm e 14 unidades de acometida.

Ademais, renovaranse as canalizacións eléctricas en toda a rúa e, en superficie, ampliaranse as beirarrúas e en ambos os lados haberá aparcamento reservado para servizos que, a diferenza da actualidade, volverán ser en liña.