A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, visitaron o Paseo alcalde Blanco para comprobar a evolución das obras de transformación deste espazo público.
Os traballos avanzan a bo ritmo e xa se poden observar as zonas verdes, a colocación de xogos infantís e as varandas tanto no paseo como na zona do miradoiro.
Ademais, está xa instalado o novo alumeado e xa se realizaron as conexións coas redes de auga e de saneamento.
As melloras son evidentes tanto na pavimentación, nos espazos e zonas verdes e na iluminación.
A actuación desenvólvese nestes momentos no local de hostalería, na zona de madeira do paseo, nunha parte da plantación e no espazo dos xogos de auga.
Así mesmo, continúan a bo ritmo o resto das partidas pendentes de execución con respecto ao mobiliario.
Nas próximas semanas prevese o remate dos traballos.
As obras son financiadas ao 80% polos Fondos Feder na estratexia DUSI, onde un dos eixos importantes é mellorar e potenciar zonas cun alto valor paisaxístico e ubicadas estratexicamente.
O obxectivo é poder contar cun espazo máis utilizable, onde convivan paseantes cos xogos dos nenos, á vez que se desfruta dunha contorna natural, sen esquecer a zona de pescadores, que se agarda potencie o seu uso.