As obras de mellora da Peralba entran na súa recta final

Pontevedra
06 de novembro 2019

O núcleo da Peralba, en Marcón, xa ten instalada a rede de saneamento que dará servizo aos seus veciños. Así o vén de confirmar o Concello de Pontevedra, que destaca que agora comezará a última fase das obras de mellora deste ámbito do rural pontevedrés

Obras na Peralba Concello de Pontevedra

O núcleo da Peralba, en Marcón, xa ten instalada a rede de saneamento que dará servizo aos seus veciños. Así o vén de confirmar o Concello de Pontevedra, que destaca que agora comezará a última fase das obras de mellora deste ámbito do rural pontevedrés.

O saneamento tivo un custe de 130.936,27 euros e foi asumido pola empresa Viaqua con cargo ao novo contrato municipal. Dará servizo a unhas 26 vivendas.

Unha vez rematada a instalación do saneamento, toca estender a nova pavimentación. Estes traballos, se o tempo o permite, realizaranse na vindeira semana e comezarán coa incorporación dos sobreanchos da vía.

A mellora da estrada custará 163.993,45 euros, xa que está previsto o asfaltado de 900 metros, a instalación de 500 metros da canalizacións de pluviais, a instalación de varandas en espazos elevados e a colocación de lombos e de sinalización viaria.

"Quedará unha obra moi boa coa recollida de augas, o saneamento e o chan pavimentado", destacou o concelleiro do Rural, Alberto Oubiña.