As obras da piscina de Marín manteñen prazos a pesar da choiva

Marín
23 de outubro 2023

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín realizaron unha visita á obra da instalación deportiva 

María Ramallo visita as obras de remodelación da piscina municipal

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín realizaron unha visita ás obras que se están acometendo na piscina municipal.

Tras a mesma desde o goberno local aseguran que a pesar de que as choivas recentes atrasan os traballos previstos no exterior, como a impermeabilización, mantéñense os prazos de execución.

Segundo explica o Concello está previsto desmontar por completo a instalación actual de paneis solares por estar obsoletos, quitarase a estrutura de aluminio e vidro do tellado para cambiala por unha nova e farase o propio co lucernario que ilumina a bancada da piscina. Ao mesmo tempo, está prevista a execución dunha nova cuberta retirando todas as mallas metálicas que serven de peche e que non estean en boas condicións. Farase unha limpeza xeral das fachadas e renovaranse aqueles paneis que así o precisen. 

No interior pola súa banda renovarase o pavimento dos vestiarios e demolerase o falso teito, e no ximnasio tamén se levantará o entarimado de madeira para substituílo por baldosas de gres antiescorregadizas.

As obras na piscina municipal de Marín está presupestadas en preto de 604.000 euros, que serán financiados a cargo do Plan Concellos da Deputación.