As obras da fibra óptica chegan a Dorna, enclave estratéxico para a conexión entre Cotobade e Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
17 de outubro 2020

Segundo informa o Concello, esta rede permitirá unha conexión ultrarrápida a Internet cunha velocidade de alomenos 100 megas, arrancou hai algúns meses polas parroquias de Tenorio e Viascón. Nesta primeira fase, actualmente en marcha e cun prazo que estiman de 18 meses, a rede chegará a case 1.200 vivendas e negocios pertencentes a 14 parroquias

Instalación da fibra óptica en Dorna Concello de Cerdedo-Cotobade

As obras de instalación da rede de fibra óptica do Concello de Cerdedo-Cotobade veñen de experimentar un importante avance, xa que acaban de chegar ata o lugar de Dorna, na parroquia de Santa María de Sacos, un enclave estratéxico desta infraestrutura tecnolóxica tanto polo seu peso poboacional como por tratarse do punto de paso e entronque que permitirá a conexión do servizo entre os dous territorios municipais de Cotobade e Cerdedo.

Segundo informa o Concello, esta rede permitirá unha conexión ultrarrápida a Internet cunha velocidade de alomenos 100 megas, arrancou hai algúns meses polas parroquias de Tenorio e Viascón, escollidas por acoller a preto do 30% da poboación municipal e pola súa localización, moi cercana a Pontevedra e vertebrada a través da N-541.

Así, lugares como Parada de Tenorio, Calvelo, Laxe ou Traslamós, entre moitos outros, xa teñen executada a infraestrutura, que foi avanzando pola estrada nacional ata chegar ao lugar de Dorna, onde se implantará nestas semanas.

Nesta primeira fase, actualmente en marcha e cun prazo que estiman de 18 meses, a rede chegará a case 1.200 vivendas e negocios pertencentes a 14 parroquias nas que figuran, ademais das tres citadas, Carballedo, Cerdedo, Aguasantas, Borela, Castro, Figueroa, Quireza, Rebordelo, San Xurxo de Sacos, Tomonde e Pedre.

Trátase dunha actuación, financiada con fondos europeos ao abeiro do Programa Pebang e coordinada pola Xunta de Galicia, completarase posteriormente cunha segunda fase, xestionada polo goberno local, que permitirá rematar a rede nas sete parroquias restantes no horizonte do ano 2022.

Tras a súa posta en marcha, as industrias, comercios e vivendas dos emprazamentos beneficiarios poderán acceder a Internet a unha velocidade de alomenos 100 megas, o que axilizará dende as súas cuestións profesionais ata o seu uso a nivel de usuario e suporá tamén importantes beneficios para súa dinamización económica, acceso a televisión, execución de videochamadas e seguridade na transmisión e gardado de datos.

"A realización das obras e as decisións do seu cronograma son algo completamente alleo ao Concello, pero estamos todas as semanas interesándonos por elas, xestionando para que a fibra óptica estea canto antes a disposición dos nosos veciños para mellorar a súa calidade de vida, aínda que loxicamente, nos sitios onde xa está instalada, haberá que agardar un pouco a conectarse polas habituais cuestións administrativas", explicou o alcalde, Jorge Cubela:

O rexedor amosou a súa satisfacción polo avance dos traballos, "xa que esta infraestrutura tecnolóxica demostra que o futuro xa está aquí e é fundamental en pleno século XXI, tanto ou máis que cando melloramos unha pista ou facemos un saneamento, xa que vai mellorar, e moito, a nosa calidade de vida".