As obras creadas durante 'Pontevedra Vívese' formarán parte dunha exposición e repartiranse polos barrios

25 de agosto 2020

Carme da Silva fixo balance de dous meses e 300 actividades do programa e felicitou "á xente de Pontevedra polo seu comportamento" durante todas as actividades, "pola súa responsabilidade" e "por demostrar que se pode facer toda unha programación moi ampla no verán mantendo as condicións de seguridade e sanitarias necesarias"

Carme da Siva, concelleira de Festas PontevedraViva

As obras creadas no marco das actividades da programación de verán 'Pontevedra Vívese' darán forma a unha exposición que será de titularidade municipal e que acabará repartida por todos os barrios da cidade. 

Así o deu a coñecer este luns a concelleira de Festas, Carme da Silva, que adiantou que o Concello xa está a preparar unha exposición con obras realizadas durante algunhas das actividades realizadas durante este últimos meses de xullo e agosto, entre as que hai graffitis, ilustracións e viñetas que foron creadas en directo en actividades e ciclos que sumaron música e arte. 

As obras realizáronse en directo ante o público e logo quedaron en mans do Concello, un xesto que Da Silva considera "unha sorte" porque permite ter "un bo fondo de artistas galegos moi importantes" e, algúns deles, moi vangardistas e moi coñecidos .

Unha vez realizada a citada exposición, as obras distribuiranse polos distintos centros sociais do Concello como "recordo do que foi este verán e dunhas festas nas que os barrios tiveron un protagonismo especial", en palabras da concelleira de festas.

Carme da Silva fixo balance este luns de dous meses e 300 actividades do citado programa 'Pontevedra Vívese', que rematou este domingo despois de que pasaran polo municipio máis de 200 artistas e compañías. 

A modo de balance, a concelleira de Festas felicitou "á xente de Pontevedra polo seu comportamento" durante todas as actividades e "pola súa responsabilidade". Ademais, deulles as grazas "por demostrar que se pode facer toda unha programación moi ampla no verán mantendo as condicións de seguridade e sanitarias necesarias".

A nivel administrativo, esta programación supuxo a tramitación de 133 contratos por servizos artísticos e técnicos, pois houbo que contratar moitas empresas para montar escenarios, control de aforos, seguridade, valados, desinfeccións, son e iluminación e todo tipo de tarefas técnicas.  

O traballo foi moi duro e Carme da Silva quixo agradecer ao servizo de Festas e aos servizos de Contratación, Intervención e Secretaría "o seu esforzo" .

Arquivado en