As novas instalacións do parque de maquinaria en Barro estarán operativas en "dous e tres meses"

Barro
14 de maio 2024

Os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís visitaron as novas instalacións do parque de maquinaria de Barro nas que a institución provincial investiu 2,8 millóns de euros

Visita ao novo parque de maquinaria no polígono de Barro Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra prevé que o parque de maquinaria no polígono de Barro estea operativo nun prazo de entre dous e tres meses.

Así o confirmaron os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís na visita que realizaron ás novas instalacións desde as que se prestará este servizo público fundamental e onde a Deputación investiu 2,8 millóns de euros.

O novo parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra en Barro ocupará unha extensión de 8.800 metros cadrados. Contará cunha nave principal, destinada a taller de reparación e mantemento, naves de almacenaxe, oficinas e zona de aparcadoiro.

Trátase, tal e como subliñaron os deputados provinciais, dunhas instalacións modernas e avanzadas, con espazos apropiados para a realización dos traballos que desempeñaban as tres brigadas que traballaban desde a Xunqueira, así como persoal do departamento administrativo asociado, maquinistas, mecánicos e o parque móbil da institución provincial.

No edificio administrativo do novo parque de maquinaria haberá salas de uso polivalente que poderán ser empregadas, tal e como informaron Tourís e Couselo, para realizar xornadas de formación.

Na nave situarase a maquinaria que se emprega habitualmente nas obras de conservación de estradas e habilitarase un espazo para desenvolver labores de reparación propias dun taller mecánico de maquinaria pesada.

Ademais haberá unha pérgola especial para o camión góndola, que permite transportar maquinaria pesada e realizar tarefas de carga e descarga.