As negociacións para o goberno da Deputación, para despois do 15 de xuño

Pontevedra
31 de maio 2019

Carmela Silva indicou que "ata que se constitúan os concellos, no hai nada que dicir" e que "para nada nada nada estase a falar aínda do goberno da Deputación, iso tocará despois do día 15". Iso si, fai unha defensa sen concesións dos logros do bipartito entre PSOE e BNG durante o últimos catro anos  

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera Mónica Patxot

As negociacións entre o PSOE e o BNG para configurar o próximo goberno da Deputación Provincial de Pontevedra aínda non están en marcha e a previsión é que non empecen ata despois do 15 de xuño, data na que se constituirán as corporacións de todos os concellos. Así o asegurou este venres a presidenta provincial en funcións e, en principio, candidata do PSOE a presidenta da institución, Carmela Silva. 

As eleccións municipais do pasado domingo deixaron ao PSOE ás portas da maioría absoluta, con 13 deputados, unha situación máis cómoda que catro anos antes, cando obtiveron 10 deputados por catro do BNG. Nesta ocasión, os nacionalistas quedaron en tres, pero igualmente o seu apoio é necesario para que os socialistas poidan chegar á Presidencia. 

Todas as fontes consultadas dan por feito que haberá entendemento entre PSOE e BNG e Carmela Silva repetirá como presidenta, pero o que queda por definir é se volverá haber un goberno de coalición ou un respaldo puntual. Esas negociacións son as que quedarán pospostas. 

Carmela Silva indicou que "ata que se constitúan os concellos, non hai nada que dicir. O protagonismo agora mesmo é dos concellos", pero si insistiu en que o PSOE foi a forza máis votada na provincia e en que o bipartito do últimos catro anos foron totalmente satisfactorio. 

"Estou absolutamente orgullosa e satisfeita do goberno", reiterou, para sacar peito sobre o feito de que o executivo bipartito "transformou radicalmente esta Deputación, en todos os eidos e áreas". É, segundo asegurou, unha evidencia que "saben as 900.000 persoas que viven nesta provincia". 

A pesar de que nas últimas horas comentouse en determinados círculos políticos que a decisión sobre o futuro goberno estaría en mans da propia Carmela Silva, ela negouno, alegando que "para nada nada nada estase a falar aínda do goberno da Deputación, iso tocará despois do día 15", e que lle parecería " moi irresponsable" facer calquera declaración ou xerar calquera controversia neste sentido.  

Ademais, aclarou que sempre lle gustou o traballo en equipo e tomar "decisións colaborativas, nunca unipersoais", de modo que queda descartado que ela soa vaia a decidir a fórmula de goberno da Deputación. 

Por outra banda, Carmela Silva indicou que ata o momento non hai data para a constitución da futura corporación provincial. Todo dependerá de que se constitúan primeiro todos os concellos.