Case doce mil reproducións acadou xa o novo video que, dentro da plataforma TikTok, vén de impulsar o programa municipal A memoria das mulleres. É unha peza na que Sara Seco ofrece información e dá voz a un conxunto de traballadoras do mar.
Trátase dun vídeo que combina e mestura a divulgación con testemuñas, traballadoras do mar que relatan as condicións nas que traballaron de mozas.
Ademais, a tiktoker amosa mentres tanto como vai cociñando un produto extraído do mar, as ameixas.
"A relación da muller co mar é de traballo, de vida e de infancias roubadas", comenta Seco, destacando que eran donas dos seus traballos, "sen coberturas legais e sen limitacións horarias".
Ao tempo que a creadora ofrece estas pílulas informativas, as propias mulleres que traballaron no mar dan a súa versión sobre o seu traballo.
A concellería de Patrimonio e Memoria Histórica puxo en marcha o pasado mes de abril, dentro do programa A memoria das mulleres, unha nova edición deste ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas.
Nesta ocasión, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes no web www.dogrisaovioleta.gal.