Ribadumia comeza a vestirse de gala cos preparativos da LI Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación dás variedades autóctonas, que se celebrará desde o xoves 30 de maio ata o domingo 2 de xuño.
Este venres, o alcalde David Castro acompañado por concelleiros da corporación e representantes da comisión organizadora do evento presentaban o cartel e un avance das propostas do programa dunha Festa que se consolidou chegando ao gran público con "atractivo turístico, económico e gastronómico", afirmaba o rexedor.
Acompañando a David Castro atopábase Virtudes de Galiñanes "a repunante", o personaxe de María Foscaldo, que será a pregoeira desta edición o sábado 1 de xuño. A humorista xa avanzou que será un pregón con moita comedia: "para iso é a festa, para beber e pasalo ben", lembrou Virtudes quen avanzou, en ton de broma, á comisión "a min encántame o viño tinto de aquí. Un par de caixas a ver se me dan".
Pedro da Devesa, que xa foi pregoeiro en 2019 con Manuel Liste, convértese en mestre de cerimonias no acto central que se desenvolverá na Carballeira de Barrantes, onde está previsto o nomeamento de Valedores e a Cata Final de viños.
"Esto no es cosa menor, es cosa mayor", indicaba Pedro da Devesa en relación á Festa e prometía subir o nivel de Pepo Suevos durante a edición de 2023 na que exerceu de mestre de cerimonias "polo menos na chaqueta, que será máis bonita", prometeu entre risas.
AS MELLORES ORQUESTRAS
Entre os avances do programa, David Castro apuntou a que o xoves 30 de maio, a orquestra París de Noia será a encargada de ofrecer a primeira verbena.
Ao día seguinte subirán ao escenario as orquestras Kubo e El Combo Dominicano. Esa mesma xornada, ás 21.00 horas, na Praza do Concello, está previsto un tributo ao cantante Juan Pardo a través do espectáculo Xuntos pola Música.
Xa o sábado 1 de xuño, a música correrá a cargo de Hey Hematoma, agrupación formada por integrantes de Siniestro Total, e Sufre Mamón, banda que renderá unha homenaxe a Hombres G para, a continuación, dar paso ás orquestras Saudade e América de Vigo.
O domingo, como colofón á festa, chegarán as actuacións de Añoranza, M80 e a orquestra Panorama.
O alcalde lembrou que tamén haberá concertos das bandas de música locais e diferentes actividades como showcookings, concursos de deseño de camisetas, de tapas e o sorteo en redes sociais de catro entradas para a comida oficial do 1 de xuño, cita que conta cunha novidade nesta edición ao establecerse un só punto de venda das entradas, que se establecerá no Concello para canalizar a xestión, explicou Castro, que quere así atender unha petición veciñal.
Ademais realizarase a Andaina do Tinto cun obxectivo solidario destinado, nesta ocasión, á asociación TDAH Salnés.
CATAS
Ramón Touriño, integrante da comisión, resaltou a importancia dos viticultores neste evento e lembrou que o 3 e 4 de maio no Centro Social se recollerán os viños. Convidou a produtores de Meis, Meaño, Cambados e, por suposto, de Ribadumia a presentar os seus caldos ao proceso de catas.
As primeiras catas realizaranse a partir do 6 de maio, a segunda fase será o 22 e o 23 do mesmo mes e o sábado 1 de xuño terá lugar a cata final para "elixir o gran viño", manifestaba David Castro incidindo en que "todos son bos pero hai que concretar ata que queden doce para a final. Non é fácil escoller un", asegurou agradecendo o labor dos viticultores e tamén dos catadores.
A Festa do Viño Tinto do Salnés volverá contar cunha carpa de venda de viños e desde a comisión lembraron que aquelas persoas que queiran traballar nas casetas teñen a oportunidade de presentar a súa solicitude ata o 15 de maio.
O rexedor tamén manifestou que se está traballando nun novo plan de seguridade e de igualdade para esta celebración, adaptándoo ás novas esixencias. Garantiu a presenza, un ano máis, do Punto Violeta, para atender calquera tipo de incidencia relacionada coa violencia sexual ou de xénero. "Hai que buscar a igualdade", expuxo David Castro.
O 24 de maio realizarase a presentación oficial da Festa do Viño Tinto do Salnés e daranse a coñecer os nomes dos valedores desta edición.