As mareas de Pontevedra, Marín e Bueu, unidas para pedir unha alternativa á EDAR de Praceres

Pontevedra
04 de abril 2016

Presentará mocións conxuntas e simultáneas nos seus respectivos plenos municipais para instar á Xunta a buscar unha alternativa a unha depuradora que entenden, "non respecta a distancia das casas e que está claramente saturada", sinalou Luís Rei

Sandra Pesqueira, Luis Rei, Ángela Rodríguez e Julio Villanueva Mónica Patxot

As mareas de Pontevedra, Marín e Bueu presentarán nos seus respectivos plenos municipais mocións para tentar que as corporacións destas localidades insten á Xunta de Galicia a buscar unha alternativa á Estación Depuradora de Auguas Residuais dos Praceres.

Segundo sinalaron nunha rolda de prensa conxunta, apostan por que a administración autonómica destine os dous millóns de euros que ten consignados nos orzamentos para ampliar a EDAR a buscar outra solución ao problema da Ría de Pontevedra, xa que a estación dos Praceres "leva máis de vinte anos funcionando, non respecta a distancia coas casas e está claramente saturada", sinalou Luís Rei.

As mareas cualificaron de "calamitoso" o estado da ría, polo que instarán as corporacións municipais a "facer explícita a aposta por estacións depuradoras de escala sustentable, espalladas territorialmente polos emprazamentos máis axeitados".

A moción conxunta fai referencia ademais á necesidade de respectar o límite legal de 200 metros de separación con vivendas e á separación das augas pluviais e fecais nos lugares onde aínda se mesturen.

Por último inclúen unha demanda á Xunta de Galicia para que modifique parcialmente a Lei de Vivenda introducindo a obrigatoriedade de instalar equipos de depuración nos edificios que alberguen máis de seis vivendas.

Esta moción conxunta en Pontevedra, Marín e Bueu chegará tamén ao Congreso por medio de Ángela Rodríguez, deputada de En Marea, que converterá esta iniciativa en preguntas ao Goberno.