As filtracións no depósito máis grande da estación de auga de Pontevedra obrigan a reparalo a partir de setembro

Pontevedra
18 de xuño 2020

As obras durarán catro meses e contan cun orzamento de 544.808 euros, que se inclúen no contrato da empresa concesionaria do servizo Viaqua. Estes traballos non afectarán na subministración de auga aos domicilios

Raimundo González explica as obras de impermeabilización nun depósito da estación de auga de Couso-Lérez Mónica Patxot

O depósito máis grande dos oito cos que conta a rede hidráulica de Pontevedra sofre filtracións e o Concello de Pontevedra decidiu que se acometan obras de impermeabilización nas instalacións.

Trátase dun depósito,  construído en 1988, que se atopa na Estación potabilizadora de Couso-Lérez e ten unha capacidade de 15.000 metros cúbicos, máis de catro piscinas olímpicas, segundo explicaba o concelleiro Raimundo González este xoves ao anunciar a reforma que se acometerá a partir de setembro.

A duración dos traballos será de catro meses e van realizarse recheos nas xuntas das  zapatas e das soleiras nas que están instalados os paneis prefabricados de formigón cos que se realizou a construción e por onde se detectan as filtracións de auga máis importantes. Os veciños de Couso xa trasladaron a alerta sobre estes pequenos escapes de auga hai ao redor de tres anos, indicaba o concelleiro responsable do ciclo da auga en Pontevedra.

Tamén se impermeabilizará todo o depósito, incluída a cuberta e o muro central. En todo caso, e despois da accidentada rotura dun depósito de auga de 800 metros cúbicos en San Vicente do Mar no Grove, Raimundo González quixo aclarar que a estrutura destas instalacións, segundo os informes técnicos, non presenta ningún movemento nin perigo algún de colapso, pero o goberno local quere actuar para evitar esas perdas de auga.

A obra conta cun orzamento de 544.808 euros, con IVE engadido, que se inclúen dentro do contrato que ten a empresa concesionaria do servizo da auga Viaqua, polo que esta entidade debe facer investimentos por un total de 58 millóns de euros, onde figurará esta partida económica. 

NON AFECTARÁ A ACHEGA DE AGUA A VIVENDAS E INDUSTRIAS

Estes traballos non afectarán á chegada da auga aos domicilios ou ás industrias, segundo asegura o concelleiro, porque existe un depósito adxacente cunha capacidade de 12.500 metros cúbicos e en todo caso, aclarou González, poden utilizarse outros depósitos como o de  Castro Senín. "Non vai haber problemas", asegurou para indicar que todos os depósitos do municipio acumulan 41.580 metros cúbicos en total, que permitirían dar servizo durante tres días a toda a poboación de Pontevedra e da súa contorna. 

O Concello de Pontevedra proxecta tamén a construción dun novo depósito en Valadares, na parroquia de Marcón, cunha capacidade de 3.000 metros cúbicos.