As festas de Pontevedra ofrecerán máis de 300 actividades para "volver a vivir a cidade"

Pontevedra
19 de xuño 2020

A edil de Festas, Carme da Silva, explicou que a pandemia da COVID-19 obrigou a "repensar" toda a programación de verán e o "concepto" das actividades, partindo da base de que a seguridade dos asistentes debía ser un "factor fundamental"

Presentación do programa "Pontevedra Vívese" Mónica Patxot

Pontevedra quere ofrecer unha fórmula para os cidadáns poidan gozar do verán nos espazos públicos da cidade e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural. Por iso é polo que o Concello reprogramara todas as súas festas de verán e, adaptándoas á situación sanitaria, ofrecerá máis de 300 actividades festivas durante os meses de xullo e agosto.

A edil de Festas, Carme da Silva, explicou que a pandemia da COVID-19 obrigou a "repensar" toda a programación de verán e o "concepto" das actividades, partindo da base de que a seguridade dos asistentes debía ser un "factor fundamental".

A través do programa "Pontevedra Vívese", que este ano substituirá ás Festas de Verán, o Concello pretende que os cidadáns "volvan a vivir a cidade nos espazos públicos", algo que segundo Da Silva "caracteriza" á Boa Vila.

Será a través de trece escenarios repartidos polo centro da cidade e os principais barrios. Neles iranse programando actividades que, en principio, serán en espazos acoutados, con todo o público sentado e cunha distancia de 1,5 metros entre cada asistente.

A partir da romaría de San Bieito, que tamén será reformulada, Pontevedra poñerá en marcha ata 18 ciclos diferentes de actividades, dos cales a gran maioría foron creados para a ocasión e o resto son adaptacións de propostas de anos anteriores.

Así, por exemplo, manteranse axustándose á "nova normalidade" eventos como a Festa do Demo, o Memorial Ricardo Portela, o ciclo de maxia, a iniciativa popular Aquí Cántase, o ciclo Cinema na Lúa, ou o festival de jazz -reconvertido en Noites de Jazz con artistas galegos-.

O festival Itineranta, pola súa banda, reconvértese en A rebulir, unha proposta de animación na rúa con compañías galegas que, para evitar aglomeracións en puntos concretos, apostará por percorridos máis longos e continuos, sen realizar paradas, por toda a cidade.

Entre as novidades debulladas por Carme da Silva están, entre outras, propostas como Ven trebellar, que ofrecerá unha ampla programación infantil nos principais parques da cidade; Son de aquí, ciclo protagonizado por bandas de rock e pop da cidade; ou Barullada Rock, que permitirá que as pistas deportivas de Campolongo acollan varios concertos.

Virar coa gaita, que ofrecerá actuacións de música tradicional; Música nova, que apostará por bandas galegas de diversas disciplinas; Con voz de muller, ciclo no que participarán artistas femininas "con voz propia"; ou Artes vivas, que fusionará diferentes propostas escénicas como o teatro, a danza ou a poesía, formarán parte tamén desta ampla programación.

O palco de música da Alameda acollerá o ciclo Clásicas na rúa, que ofrecerá concertos de música clásica; mentres que Monte Porreiro será a sede de Urban Pontevedra, unha proposta de arte urbana "que nos gusta moito", segundo Da Silva, e que incluirá entre outras disciplinas exhibicións de grafitis ou concertos de música urbana.

A oferta festiva do verán pontevedrés completarase con Vai de música, no que músicos de diferentes bandas fusionarán as súas propostas artísticas; e Xeiras das artes, que tamén ofrecerá diferentes espectáculos de artes escénicas.

Todas estas actividades, segundo explicou a responsable de Festas, serán "máis intensas" durante a semana grande da Peregrina na que, ademais, haberá o tradicional pregón.

A programación completarase, xa en setembro, coa Feira Franca sobre a que, nestes momentos, o Concello está a traballar para "reprogramala". Sen desvelar detalle algún, Carme da Silva explicou que se están analizando "diferentes vías" para poder celebrala con certa normalidade e que non se perda o "enorme" retorno económico que produce.

Arquivado en