As Fervenzas do Pereiro, un roteiro verde e para toda a familia

Poio
09 de agosto 2024

Continúa a campaña do Concello de Poio para difundir recursos turísticos entre visitantes e veciños durante o período vacacional, recordando que "“temos un patrimonio natural e cultural extraordinario onde se poden vivir experiencias únicas"

Fervenzas do Pereiro Concello de Poio

A Concellería de Turismo de Poio continúa a campaña 'Un Verán Único', deseñada para difundir entre visitantes e veciños algúns dos atractivos turísticos "exclusivos de Poio". 

Nesta ocasión, faino convidando a coñecer as Fervenzas do Pereiro, na parroquia de San Xoán: "un tesouro natural escondido na faldra do Castrove e que merece a pena visitar".

As Fervenzas do Pereiro é unha ruta de pouco máis dun quilómetro na que descubrir elementos patrimoniais como os restos do Muíño da Boneira; frondosos bosques con carballos, castiñeiros, eucaliptos e acacias, así como regatos, pontes, e especialmente os saltos de auga que lle dan nome, entre os que destacan a fervenza da Pindilleira, de 7 metros, e a Fervenza da Ferixa Alta, cunha caída de 10 metros.

O sendeiro comeza no lugar da Banda do Río, no Pereiro de Abaixo, e pode percorrerse nunha hora, xa que é de baixa dificultade e apto para toda a familia, se ben cómpre advertir que partes da ruta teñen importantes desniveis.